BNG pide transparencia ao SERGAS sobre os recursos humanos no traslado e desdobramento do Centro de Saúde da Milagrosa

Carme Aira
Carme Aira

Carme Aira criticou que a falta de información nos criterios de escolla para elixir destino  colocan ao persoal na incerteza de non saber en que  lugar desenvolverán a súa actividade laboral

O conselleiro de sanidade eludiu responder ás  preguntas da nacionalista relativas  ao traslado do  servizo do 061 e  PAC de Lugo,   equipos  do  Centro de Saúde da Milagrosa no seu traslado  ao completo e durante a reforma,  centros de atención para doentes  de radioloxía e laboratorios,  así como a dotación de persoal para actuar como centro de alta resolución

A parlamentaria do BNG, Carme Aira formulou unha pregunta ao conselleiro de sanidade ante a falta de transparencia do SERGAS sobre a planificación de recursos humanos para o traslado e desdobramento do Centro de Saúde da Milagrosa,  unha falta de información, dixo, que está a provocar unha grande incerteza ao persoal ao descoñecer os criterios de escolla para elixir en que lugar quedarán definitivamente para desenvolver a súa actividade.

A deputada sinalou que no primeiro trimestre do ano 23, o Centro de Saúde da Milagrosa trasladarase ao renovado Materno-Infantil para comezar obras no actual edificio durante un período de 28 meses pero a día de hoxe, tanto o persoal como os e as  pacientes descoñecen como será ese traslado e en que condicións.

E obvio, dixo a deputada, que todos estes cambios afectan ao persoal e persoas usuarias ao que sumou a “falta de transparencias” nos traballos, prazos e condicións laborais sobre a carteira de servizos sanitarios que se ofertarán en 28 meses “é moito tempo de incertidume”, recalcou.

Por outra banda, a nacionalista tamén criticou  que os e as profesionais “nin coñecen nin participaron no deseño dos espazos”. A  falta de información sobre os criterios de escolla para elixir destino deberían estar resoltos e que as persoas que se vaian quedar nun sitio ou noutro poidan sabelo xa, información que tamén merecen  os  usuarios e usuarias.  Na súa opinión, “urxe  saber si a  atención sanitaria se prestará de maneira  simultaneamente coas obras”.

Outra das eivas  para o persoal é a referida a  como se van xestionar os equipos médica-enfermeira no caso de que no seu momento exerzan opcións que os rompan e como afectará isto aos doentes, como casa unha quenda deslizante con unha fixa cando coinciden no mesmo equipo e como afecta as e ós usuarios.

Tampouco a poboación e os profesionais  saben onde van quedar as prestacións farmacéuticas, pediátricas, odontolóxicas, traballo social, fisioterapia ou as de

enfermería obstétrico-xinecolóxicas, se van ter espazo no centro e cando irán a el, ou ben se vai ser un persoal que preste servizos deslocalizados como se está a facer na actualidade.

O titular de sanidade elude responder ás preguntas do BNG

Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña eludiu responder ás cuestións  formuladas pola deputada do BNG obrigando a parlamentaria a repreguntar cando serán trasladados a esa edificación o servizo do 061 e o PAC de Lugo, con que espazos contará  o  Centro de Saúde da Milagrosa cando  sexa trasladado ao completo. Convivirán os equipos coa reforma? En que centros serán atendidos os pacientes de radioloxía e laboratorios e con que dotación de persoal para actuar como centro de alta resolución, que doentes de Atención primaria serán atendidos nestes laboratorios e en que centros? En que consistirá esa alta resolución?

Todas estas preguntas, remarcou obedecen á falta de información aos mandos intermedios  e “nula” para o persoal e poboación. Carme Aira lembrou ao titular de sanidade que o  Comité de Primaria,  representante lexítimo  do persoal, solicitou por escrito información sobre as cuestións como as recollidas na  pregunta parlamentaria e polo momento, non obtivo ningunha resposta.

“Corrixan a mecánica de non ofrecer información e fagan  aos profesionais e cidadanía participes das melloras nas instalacións de Atención Primaria”. Non deixen aos traballadores e traballadoras “fóra da toma de decisións” porque eles e elas, dixo, son os verdadeiros protagonistas de que as instalacións ofrezan a mellor calidade asistencial.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG