O BNG pide suspender de inmediato a declaración de emerxencia do xabaril

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini"

Xosé Luís Rivas advirte que a caza  “sen control” da especie  pode ocasionar graves danos á poboación e multiplicar os  accidentes de tráfico

Pide a  dimisión de todo o equipo da Consellería de Medio Ambiente por actuar de maneira “improvisada” e con “pasividade” ante as denuncias reiteradas de  colectivos afectados

O BNG pide suspender de inmediato a declaración de emerxencia do xabaril
O portavoz de Agricultura e deputado do BNG, Xosé Luís Rivas presentou hoxe unha batería de iniciativas contra a declaración de emerxencia co xabaril e pediu a súa suspensión inmediata por considerar que “esta caza indiscriminada” pon en grave risco a poboación e multiplicará os accidentes de tráfico.

Por outra banda,  considerou que  o equipo que dirixe a Consellería de Medio Ambiente “debe marchar” por ter actuado “con improvisación e falta de vontade” ante un problema xa denunciado reiteradamente polos un gran número de colectivos afectados polos danos provocados por esta especie.

O parlamentario destacou que estamos no outono, “tempo de máxima actividade” no campo polo ensilado, rutas de sendeirismo e  recollida de cogomelos, noces, castañas e outros produtos. A caza diaria, día e noite até o 29 de febreiro, explicou,  representa un grave risco para a poboación porque,  estamos a falar de “rifles de longo alcance con balas, non de escopetas e perdigóns”.

Rivas recalcou que a “consellería tenta pasar a responsabilidade” dos posibles accidentes de tráfico aos tecores,  (cotos de caza) provocándolles un grave prexuízo económico. A inclusión de modalidades de caza menor “ao salto ou en man” na caza maior incrementa a perigosidade contra o cazador. Ademais criticou que as demandas dos afectados polos danos do xabaril non foron atendidas debidamente polas ordes de axudas e ironizou sobre o “cultivo do boniato” que entra nas axudas mentres que a “faba e os chícharos quedan excluídos”.

O nacionalista tamén alertou da ameza da “peste porcina africana”, porque a carne do xabaril pode moverse libremente e sen control polo que reclamou “protocolos de bioseguridade” para blindar o sector porcino galego.

Rivas lembrou que nos últimos dous anos non se sacaron ordes de axudas por danos de esta especie pero no ano electoral de 2019,“ sacaron orde de axudas” que discrimina a sectores moi afectados.

O deputado do BNG propuxo enfrontar o grave problema do xabaril con medidas que pasan en primeiro lugar pola “suspensión da emerxencia cinexética”, elaborar un plan de xestión da especie que inclúa “unha estima poboacional” a súa incidencia por comarcas e un protocolo de medidas, que tanto por separado como de maneira combinada, faciliten manexar o tamaño da especie e reducir os danos nos cultivos e no tráfico.

O nacionalista remarcou que a media “improvisada e errática” da consellería afecta a 33 concellos galegos  e ademais da alarma e perigo para a poboación pode incidir noutras especies e no equilibrio da fauna galega.