- A nacionalista lembrou que 38.000 persoas afectadas de diabete teñen dereito a saber se o SERGAS vai cambiar as actuais agullas
A parlamentario do BNG, Montse Prado lembrou que tanto doentes como asociacións de persoas afectadas por diabete reclaman que sexan substituídas as agullas ante diversos problemas detectados no seu uso ao provocar “dor e mazaduras”. Só en Santiago, afirmou Prado, foron presentadas máis de 400 denuncias e SOS Compostela chegou a presentar unha denuncia nos xulgados de Compostela.
A denuncia presentada por SOS Compostela, explicou a deputada, foi sobreseida ante o compromiso do SERGAS de cambiar as actuais agullas pero catro meses despois do compromiso, “aínda non foron substituídas e as persoas afectadas por esta doenza aseguran que seguen causando grandes danos”.
O conselleiro de Sanidade respondeu á deputada que a subministración de agullas realizase a través dun concurso público, como marca a lei, e dando cobertura a 36.000 pacientes facendo posteriormente o seguimento pertinente. Ante as poucas incidencias rexistradas, dixo Almuíña, fíxose o cambio de agullas.
Na réplica, a nacionalista volveu preguntar se van cambiar as agullas porque seguen producíndose denuncias. As demoras son “inxustificables” e ademais o Partido popular, a través do ex-portavoz de sanidade, Miguel Santalices comprometeuse a facer o cambio das agullas polos problemas que estaban a provocar. Polo que volveu preguntar pola razón para non substituír as agullas como se comprometeron no Xulgado así como a iniciar un novo procedemento tendo en conta a opinión dos doentes. Despois de catro meses da resolución xudicial, vostede ven aquí a “botar balóns fora”, remarcou a nacionalista.
Montse Prado pediu ao titular de Sanidade que respondera ás preguntas formuladas porque 38.000 persoas afectadas de diabete merecen ser informadas do cambio das agullas.
Finalmente, a parlamentaria relacionou a demora no subministro de agullas co “criterio economicista” da Consellería de Sanidade polo que reiterou a súa petición de substituír as actuais agullas por outras de calidade.