BNG pide a Sanidade un “cambio de rumbo” para resolver o grave problema do servizo de urxencias pediátricas na Área Sanitaria de Vigo

Iria Carreira
Iria Carreira
Iria Carreira exixiu un compromiso do goberno para garantir a atención de nenos e nenas na Atención primaria e hospitalaria e lamentou que unha vez máis, o titular de sanidade responda con escusas para xustificar a grave situación en pediatría

A portavoz de Atención Hospitalaria do BNG, Iria Carreira exixiu ao goberno un compromiso real para garantir a atención dos nenos e nenas na Atención primaria e hospitalaria.

A deputada interpelou ao conselleiro de Sanidade ante a grave situación no servizo de urxencias pediátricas na área sanitaria de Vigo e preguntou se o  departamento que dirixe Julio García Comesaña prevé incrementar o servizo no Hospital Álvaro Cunqueiro para rematar coa saturación e poder  ofrecer unha “atención digna ás crianzas”.

Para a deputada, urxe dotar, como mínimo, “dun PAC de comarca para a  Área Sanitaria de Vigo e   dous novos PACs en Coia-Navia e Teis, que inclúan a atención pediátrica”.

Por outra banda, a parlamentaria tamén trasladou a Comesaña a necesidade de garantir o número de prazas MIR e EIR no servizo de pediatría para  cubrir o total de prazas que garanta a atención á totalidade de nen@s tanto na Atención Primaria e Hospitalaria.

Iria Carreira acusou á Xunta de manter un discurso de “palabras baleiras e escusas” para agochar a “dramática situación da sanidade pública”  afectada pola falta de profesionais en todas as categorías, desatención sanitaria, situación de deterioro da Atención primaria e listas de espera “desbordadas” na atención hospitalaria.

Centros de Saúde e PACs co cartaz “NON HAI MÉDICO”

Unha situación que a nacionalista cualificou de  “inaceptábel e permanente alarma sanitaria e que  últimos meses esta a cruzar  todas as liñas vermellas”, con  centros de saúde e PACs en todo o territorio galego co cartaz “non hai médico”.

Se atendemos aos datos do IGE, explicou Carreira,  o número de pediatras está nun franco descenso, pasamos de 405 pediatras en 2004 a 318 na actualidade, un 22,5% menos e en moitos concellos non contan con pediatra e comarcas enteiras sen especialistas que están a ser suplidas por médicos e médicas de familia. Unha realidade que a ao seu xuízo,  non ten moitos visos de melloría porque os datos de facultativas que están nunha idade próxima á xubilación é claramente  notoria, “temos 80 pediatras que superan xa os 63 anos, pero o resto do cadro de médicas pediatras tende tamén cara a unha idade máis avanzada”.

Esta situación, reiterou, coloca os nenos e nenas a non ter continuidade asistencial, retrasos nos controis do programa de neno san, vacinacións, listas de espera en Atención primaria e falta de consultas para a actividade preventiva.

Colapso no servizo de pediatría no Álvaro Cunqueiro

A deputada afirmou que no  Álvaro Cunqueiro pasaron de atender 100-120 crianzas nos anos prepandemia a estar durante boa parte do mes de novembro cunha media de casos por riba das 230 pacientes. Ademais cuns tempos de espera, nalgúns casos  de ata 4h agardando por un diagnóstico ou un ingreso, e en moitas ocasións amoreadas nos corredores ante esta situación obtemos como resposta as declaracións do Xerente do Sergas afirmando que debemos acostumarnos a “que non haxa pediatras”.

As crianzas teñen dereito á asistencia polos profesionais especialistas en pediatría. Si existe a especialidade é porque nenas e nenos teñen especificidades propias e necesitan unha atención experta, axustada ás súas necesidades, porque unha infancia atendida e coidada é a mellor garantía de persoas adultas máis sans. A pandemia xa non vale para tapar a falta de compromiso do PP  coa sanidade pública, “non vale para tapar a falta de planificación e anticipación” porque  coñecían o número de  xubilacións e  profesionais co  dereito a baixas, vacacións e días libres.

Tras a resposta do conselleiro que negou a situación de saturación  descrita pola deputada e os recortes en sanidade,  Carreira  criticou que o Partido popular continúe na senda de levar á sanidade “ao desastre” e volveu a pedir ao conselleiro que abandone “as escusas e  mentiras” e  resolva o grave problema do servizo de pediatría da Área sanitaria de Vigo.

A deputada concluíu a súa intervención afirmando que hai nenos e nenas que deben agardar por unha cita tres días en Vigo e 16 en Carballo e volveu a pedir “unha rectificación” para organizar e planificar os cadros de persoal de pediatría  impulsando “o relevo xeracional”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG