parlamento galego

BNG pide resolver a concentración parcelaria da parroquia de San Vicenzo, no concello de Vilasantar, e executar as pistas secundarias

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas pide ao goberno que rectifique e aposte definitivamente polo rural

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) formulou unha pregunta sobre a asignación das parcelas na concentración parcelaria da parroquia de San Vicenzo, no concello de Vilasantar e a execución das pistas secundarias.

Rivas avogou por unha programación de entrega  de títulos para non correr o risco de entregar fincas aboadas e sementadas e recibir “terreo inculto”.  Por outra parte, aludiu as novas fincas en zona gandeira cun deseño diferente ao de utilidade  como é a parroquia de San Vicenzo, “cunha grande vontade gandeira” e con grandes explotacións ao que sumou os terreos dedicados ao pastoreo.

Non estamos falando, explicou o nacionalista,   de tres ou catro vacas que se moven en manda e poden ser trasladadas a tres quilómetros, “falamos de centos de vacas que non se manexan tan facilmente”.

Por outra parte, Mini tamén se referiu a “excesiva lentitude e falta de criterio político sobre a utilidade” para orientar o reparto de propiedade e co “fin que a parcelaria persegue”. Os procesos de estruturación na actualidade son “tediosos” e cando finalizan non se corresponden coas expectativas abertas, referímonos a un proceso que foi declarado “urxente” en 1989, lembrou.

En San Vicenzo, unha centena de titulares presentaron unha reclamación o pasado mes de setembro, solicitando a paralización da toma de posesión mentres non foran resoltos os recursos de alzada e non remataran todas as pistas secundarias, pero polo momento, firmou, “nada se move”. Dende o BNG demandamos que os procesos se leven a cabo para fixar a pouca poboación que queda nalgunhas zonas do rural e para “apuntalar e fortalecer” as explotacións existentes e aumentando a súa viabilidade e rendibilidade.

Pola súa parte a directora Xeral de Desenvolvemento afirmou que a concentración parcelaria segue o seu curso ao que o nacionalista replicou que o goberno galego carece de “visión de futuro” e non chega con falar do tamaño das parcelas e mellorar o que xa había, “a parcelaria ten que ser remata sen dar lugar a unha nova reconcentración dentro de dez anos”. Dende o BNG reclamamos que as  explotacións conte cunha  estrutura de propiedade que agora non teñen. Si pensamos nun futuro leiteiro é preciso repensar unha reestruturación e resolver as reclamacións, “a lei e a política debe priorizar o futuro do rural”. O deputado criticou o dobre raseiro do Partido popular á hora de cumprir unha lei, “si esta lei é trapalleira e lenta vostedes non tiveron reparo en poñer a andar unha lei depredadora para a industria pero parece que o rural non lles interesa”. Evidentemente, aclarou o deputado, non estamos pedindo unha lei depredadora para o rural pero si cambiar os aspectos obsoletos que ralentizan a súa aplicación. “Rectifiquen a lei e aposten polo rural” porque é preciso  replantear aspectos das concentracións parcelarias e aplicar unha política orientada aos beneficios dos administrados.

Xosé Luís Rivas na súa intervención tamén se referiu as axudas da PAC e do PDR de desenvolvemento rural. Os animais, explicou, estiveron pacendo en  parcelas que non coinciden coas da PAC, circunstancia que pode supor a anulación das axudas, polo tanto é preciso crear  unha xestoría específica para resolver esta cuestión, concluíu.  
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG