O BNG pide regular o voto das persoas embarcadas e o PP vota en contra

Daniel Rodas
O BNG pide regular o voto das persoas embarcadas e o PP vota en contra

Daniel Rodas reclamou instar ao Goberno español a regularizar “de maneira electrónica” o voto de persoal embarcado nas flotas de gran altura, altura e mariña mercante

Daniel Rodas na comisión de Pesca

O Partido popular rexeita a iniciativa nacionalista por incluír no texto o termo “ con urxencia”

O deputado do BNG, Daniel Rodas defendeu hoxe na comisión de pesca, unha proposición non de lei para regularizar o voto das persoas embarcadas, iniciativa que o PP rexeitou por incluír no texto o termo “con urxencia”.

O nacionalista cualificou de “hipocrisía” non facilitar que calquera cidadán galego, con independencia do lugar no que se atope, poda exercer o seu dereito ao voto polo que volveu reclamar de “maneira urxente” materializar medidas nesta materia.

O deputado explicou que varios países europeos puxeron en práctica diversos modelos que garanten o voto de mariñeiros embarcados e reclamou para Galiza facilitar este dereito a través de internet.

Neste sentido, lembrou que o uso do carné electrónico garante emitir o voto nos procesos electorais, a pesar de atoparse a centos de millas de Galiza, e un gran número de traballadores galegos deben permanecer longas temporadas no mar. O BNG, recalcou leva presentado iniciativas nos Parlamentos galego e español destinadas a garantir o voto dos mariñeiros embarcados sen que o Partido popular amosara “unha mínima vontade” para facilitalo.

Daniel Rodas

A actual regulación, dixo, resulta “insuficiente”, para as persoas embarcadas que non poden exercer o voto entre o período de convocatoria das elección e o día da votación ao non atracar o buque, baixo pavillón español, nalgún porto nesas datas.

O PP vota en contra por incluír a iniciativa nacionalista a expresión “mediadas urxentes”

A pesar de considerar “insatisfactoria a actual regulación” e existir un acordo por unanimidade do ano 2007, o portavoz popular, José Manuel Balseiro avanzou que o PP votaría en contra se o nacionalista non retiraba o termo “ con urxente” á hora de reclamar medidas.

Tripulacións mínimas de seguridade

Por outra parte, o deputado do BNG tamén formulou unha pregunta sobre as consecuencias do novo Real Decreto que establece as tripulacións mínimas de seguridade nas embarcacións pesqueiras e de acuicultura.

O parlamentario explicou que a nova medida suporá esblecer como máximo 10 tripulantes na pesca de gran altura e até 1 nas embarcacións de 12 metros así como o enrole de persoal con titulación inferior no ámbito das 200 millas da costa da Unión europea.

A flota galega, dixo, está composta maioritariamente por embarcacións menores de 12 metros que agora poderán ser tripuladas por unha soa persoa cando realice a activade pesqueira “á vista” e a menos de tres millas da costa provisto do chaleco salvavidas.

Na súa opinión, a regulación está pensada basicamente para “abaratar os custes, incrementar as horas de traballo, precarizar a seguridade e minorar a capacidade profesional”.

 

O BNG pide regular o voto das persoas embarcadas e o PP vota en contra