BNG pide reforzar os recursos e persoal dos CIMS e atención primaria na loita contra as violencias machistas

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil demandou máis coordinación entre as institucións públicas e  servizos así como incrementar a protección e o dereito das vítimas a unha vivenda pública

Tras a comparecencia da Secretaria Xeral de  Igualdade, Susana López  Abella para informar das liñas do seu departamento sobre a prevención e tratamento integral da violencia de xénero no exercicio 2020 e o informe sobre as violencias sexuais do 2020, a parlamentaria do BNG, Olalla Rodil reclamou “reforzar e ampliar a rede de recursos”, sobre todo e de maneira especial nos Centros de Información ás Mulleres así como máis información en Atención Primaria para detectar, á maior brevidade, os casos de violencia machista.

Por outro lado, Rodil tamén demandou más coordinación entre as institucións públicas e  servizos así como “incrementar a protección e o dereito das vítimas a unha vivenda pública”. Neste sentido, lembrou que no ano 2019 o BNG impulsou unha iniciativa para avaliar o protocolo, coordinación e cooperación institucional, unha proposta, dixo, sobre a que non se produciu ningún avance a pesar de resultar “vital e necesaria” para loitar contra a violencia machista.

Sobre o informe das violencias sexuais, indicou Rodil, constata un aumento destas prácticas pero céntrase sobre todo no coñecemento e preocupación da sociedade sobre a violencia sexual. A nacionalista lembrou que os datos  da macroenquisa realizada no Estado español  reflicte que   un 13,7% de  mulleres sufriron violencia sexual nalgún momento da súa vida e un  20% de mulleres con discapacidade. O 14% tamén sufriu violencia por parte da súa parella “cinco millóns de mulleres en todo o territorio español” e un 6,5% sufriron esta violencia  por parte de homes cos que non tiñan ningunha relación.

Tres millóns de mulleres non denunciaron violencia sexual e o 86% confirmaron que os episodios tiveran lugar en máis dunha ocasión, remarcou.

A nacionalista insistiu na necesidade de potenciar os recursos  porque contamos, dixo,  cunha rede forte e  valiosa pero non chega a todo o territorio galego, “hai unha parte de Galiza que non ten acceso aos Centros de Información ás Mulleres” e preguntou se o goberno ten previsto crear novos centros,  comarcalizalos ou poñer en marcha “centros itinerantes” para achegar a información ás mulleres que carecen deste servizo de maneira permanente.

A deputada reiterou  que resulta urxente “reforzar os centros de saúde” primaria e formación para o persoal sanitario. Dende o BNG vimos reclamando dende hai tempo que é necesario  recuperar a atención presencial no cen por cen e cando o facemos é porque sabemos que ao centro de saúde imos todas as persoas e moitas veces, “nos casos de violencia machista poderíamos coñecelos de maneira inmediata si contaramos co persoal sanitario e tempo suficiente para facer preguntas  tan simples e complexas como preguntar como están as cousas na casa”. Esta praxe precisa “persoal suficiente, tempo para atender á  poboación” e nomeadamente ás mulleres.

Sobre a formación impartida, durante o ano 2020, ao persoal de saúde no que participaron  16.635 persoas  do servizo de saúde de Galiza, a deputada  cuestionou a calidade da maioría dos cursos ofertados por seren cursos en liña ou de autoformación. No caso dos cursos presenciais foron  197 persoas  e 207 cursos e no caso da formación en  liña   7.000  e 4.900. Estes cursos e o seu formato, a xuízo da parlamentaria do BNG, “non ofrecen a garantía necesaria”.

Finalmente, a deputada pediu a avaliación das medidas así como o protocolo de coordinación e cooperación entre os diferentes niveis institucionais
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG