O BNG pide realizar test aos tripulantes da mariña mercante para poderen desembarcar

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego trasladou ao Goberno a situación en que se atopan os e as tripulantes da mariña mercante que non ven a ocasión de desembarcar despois de, en casos, máis de seis meses en alto mar.

O BNG alerta do problema derivado da caducidade dos recoñecementos médicos da tripulación que continúa abordo e que necesitan ter en vigor para poder desenvolver a súa actividade.

O deputado do BNG, Néstor Rego, solicitou ao Goberno a realización de test aos tripulantes da mariña mercante que chegan a porto para  poderen practicar os desembarcos e as substitucións necesarias sen perigo para os traballadores e traballadoras. A imposibilidade do desembarco fai que os buques conten con tripulantes con máis de seis meses a bordo e que, a pesar de ter o seu contrato cumprido, non poden desembarcar.

Outro problema que se deriva da imposibilidade de desembarco, apuntou Néstor Rego, afecta a vixencia dos recoñecementos médicos que “ante a imposibilidade de renovación, ao non poder a tripulación baixar a terra, expiran mentres as e os tripulantes continúan a bordo”. O deputado nacionalista salienta que “é un requisito esencial para as empresas que os tripulantes teñan os seus certificados médicos en vigor durante todo o tempo do embarque”. Moitos destes recoñecementos e certificados médicos teñen un tempo de vixencia inferior a seis meses, polo que lles expirará se non son autorizados a baixar a terra.

Mesmo unha vez que termine o período de illamento e se retome a actividade normal, “haberá seguramente un problema de saturación do sistema”, polo que os e as tripulantes probablemente teñan que esperar meses para conseguir o seu recoñecemento médico” e poder así embarcar, explica o deputado nacionalistas. Rego considera que toda esta situación se pode e debe resolver coa realización de test ás tripulacións.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG