Parlamento Galego

O BNG pide reactivar a comisión de transferencias tras unha década de Goberno Feixóo con cero novas competencias

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Máis dotacións na administración de xustiza e máis medios para combater a violencia de xénero, entre as prioridades trasladadas a Vicepresidencia

Tabarés dille ao xefe do Executivo que a súa decisión de interromper o diálogo con Ourense non prexudica ao alcalde senón que castiga á cidade

O portavoz parlamentario de Xustiza, Iago Tabarés, foi o encargado de dar a réplica ao vicepresidente Alfonso Rueda na comparecencia para explicar as liñas de actuación do seu departamento nesta lexislatura, e salientou que o BNG ía facer unha labor de oposición propositiva a favor de Galiza aberta a consensos “pese á evidente distancia política e as diferencias ideolóxicas”.

Pero para que iso sexa posible, alegou, o PP ten que dar un xiro de 180% e deixarse de rolete para que “o Parlamento sexa o auténtico centro da vida política do país e non un mero apéndice de San Caetano”. Tabarés tamén deixou como proposta concreta para o conselleiro reactivar a comisión de transferencias, despois de que durante a década de goberno de Feixóo Galiza non recibise nin unha soa nova competencia, unha situación inédita.

“Mostren ambición activando esa comisión porque é fundamental que xestionemos nós o noso, desde aquí, porque teremos máis capacidade de acertar que se decidan por nós desde a distancia persoas alleas a nosa realidade”, recalcou, poñendo sobre a mesa a urxencia de conseguir transferencias como salvamento marítimo, tránsito e seguridade viaria ou a administración de xustiza entre outras, “temos que ser nós quen definamos que xulgados se crean e onde”.

Parece, ironizou, que a administración de xustiza ao PP non lle importa máis que “para influír en quen a imparte, sobre todo en aqueles foros nos que se vai ditaminar sobre casos como a Gürtel”. En relación ao traspaso da AP9, Tabarés respondeu ao vicepresidente cunha petición: “na cuestión da transferencia da AP9 senón queren colaborar a favor polo menos non molesten, chega con que apoien as decisións do deputado Nestor Rego que si está traballando desde o Congreso para que Galiza teña o control da súa principal vía de comunicación por estrada”.

O deputado nacionalista tamén reprochou a Rueda que pasará de puntillas por unha cuestión como a violencia de xénero, “que ademais perde peso orgánico o que non é un acerto”, -declara-, e considera que unha consellería de Xustiza e Turismo “ou minusvalora xustiza ou minusvalora turismo”.

Tabarés apelou a súa condición de deputado por Ourense para abordar a parálise que vive a cidade, “porque teño a obriga de falar dos veciños e das veciñas que soportan unha situación que non provocaron” despois de que o PP colocase na Alcaldía a un rexedor que o propio Feixóo cualificara de “letal” pouco antes de darlle o seu apoio “a cambio de manter a Baltar na Deputación”.

O deputado nacionalista pediu a Feixóo que non interrompa o diálogo con Ourense, -en relación a decisión do xefe do Executivo de excluír á cidade da rolda de contactos cos rexedores de todas as urbes galegas-, “porque con iso non está prexudicando ao señor Pérez Jácome senón que está castigando a veciñanza, a todos e todas as ourensás, non nos castigue máis”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG