BNG pide un pronunciamento ao Partido popular sobre a agresión do alcalde de Ourense a unha sindicalista no exercicio das súas funcións

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés afirma que as faltas de respecto do alcalde á cidadanía e representantes políticos “son continuas” e reproba o apoio do PP a este comportamento

A través dunha pregunta ao goberno, o deputado do BNG, Iago Tabarés pediu un pronunciamento ao Partido popular e unha aclaración sobre si está a favor co grupo municipal que pola maña rexeita determinados comportamentos ou co grupo provincial que os acepta con normalidade en relación á agresión do alcalde de Ourense a unha sindicalista no exercicio da súas funcións e das continuas “faltas de respecto” á cidadanía e representantes políticos.

O deputado asegurou que o Partido popular segue a liña de Alfonso Rueda, “pórse de perfil” ante comportamentos que “denigran as institucións” ou de permitilos e fomentalos como fixeron: Feixóo, Miguel Tellado e José Manuel  Baltar. Dende o BNG, dixo, apelamos a que reconsideren “o dano” á cidade e cidadanía de Ourense e “rectifiquen” porque o Partido popular “alimentou con recursos públicos este tipo de comportamentos”.

O pasado 3 de maio, explicou o nacionalista,  o  alcalde agrediu a unha  sindicalista, muller, que, en exercicio das súas funcións, solicitoulle que se dirixira  a un grupo de manifestantes concentrados defendendo  os seus dereitos laborais. Esta, dixo o deputado do BNG, non é a primeira vez que o alcalde amosa unha falta de respecto e non hai  sector ou grupo político que non fose vítima dos improperios do que vostedes  escolleron como alcalde.

Entre os múltiples insultos de Jácome, Iago Tabarés aludiu ao de “retrasado” ou “border line” ao anterior alcalde,  “psicópata” ou “tolo” a Manuel Baltar,“miserable, ditador e impresentable” a Jesús Vázquez, “matón e macarra” ao portavoz do BNG, luís Seara e hai un mes cualificaba de “inutilidade personificada” aos membros do Partido popular cos que comparte goberno.

Esta, explicou o deputado, é  só é unha mostra das faltas de respecto das que foron obxecto representantes políticos e  cidadás ás que tamén dirixiu no salón de plenos expresións como “ti flipas, nena” ou ameazas con “falar da túa vida privada”,“jetas profesionais” aos sindicalistas, “mafia” policial”, “vagos e enchufados” a funcionarios e funcionarias municipais,  ou berrarlle en plena competición deportiva á muller dun atleta cun “jódete, que perdió”,

A xuízo do deputado, adquire especial gravidade que o alcalde de Ourense afirme publicamente “que a actuación durante a pandemia do persoal sanitario non o fai merecente da medalla de Galiza”.

Creen  vostedes, preguntou mirando para a bancada do Partido popular que este é o alcalde que  merece Ourense? Un alcalde, engadiu, que xunto aos seus colaboradores e colaboradoras custa á cidade “dous millóns de euros cada ano”.

Jámome, recalcou Iago Tabarés mantén a cidade “paralizada e nun grave proceso de degradación institucional e democrática”, sen actividade cultural, o auditorio municipal sen programación, renunciou ao festival de cinema, ao festival internacional de fotografía e mantén pechado o museo municipal. Seguimos, dixo “sen Plan Xeral de Ordenación Urbana, e cos servizos básicos, transporte, abastecemento e recollida de lixo en precario.

A penúltima neglixencia do grupo de goberno puxo en risco a integridade física de milleiros de persoas durante unha actuación que congregou a 20.000 persoas pero sen control de aforo,  plan de evacuación ou emerxencias, polo que tivo que ser a propia orquestra a que se viu obrigada a  interromper a actuación para  garantir a seguridade do público.

Iago Tabarés concluíu a súa intervención reclamando ao goberno que priorice os intereses da cidadanía e institucións por riba dos do Partido popular. “Rectifiquen e corrixan a deriva que está a provocar o alcalde de Ourense, porque Gonzalo Pérez Jácome é letal para a cidade”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG