BNG pide potenciar a investigación agraria e a transferencia do coñecemento ao sector agrario para o seu desenvolvemento económico e o PP vota en contra

Carme Aira
Carme Aira
Carme Aira lamentou que unha vez máis, o Partido popular rexeitara  vertebrar en torno ao sistema AKIS á investigación e asesoramento para responder ás necesidades dos e das agricultoras

A portavoz de Desenvolvemento Rural do BNG, Carme Aira, a través dunha proposición non de lei, defendeu  priorizar e potenciar a investigación agraria como eixo de desenvolvemento, así como  o asesoramento agrario, tanto público como privado para canalizar a transferencia do coñecemento, implicar a todos os  centros de investigación agraria, establecer o deseño dos sistemas de transferencia de coñecemento (AKIS) contando coas necesidades das e dos produtores, aproveitar a circunstancia que facilita o deseño e implantación do sistemas AKIS para dimensionar as necesidades do sistema investigador e de asesoramento en canto a recursos humanos e económicos.

A parlamentaria do BNG tamén reclamou establecer a comunicación cos centros que imparten FP agraria para que “poidan beneficiarse da   información para unha   mellor formación adaptada ás necesidades das/agricultores” e vertebrar  en torno  ao sistema AKIS o sistema investigador, formador e produtivo.

A nacionalista lamentou que, unha vez máis, “o Partido popular rexeitara a iniciativa do BNG” baixo a escusa de que xa estaban traballando nesa liña, argumento que a deputada non aceptou afirmando que” é o momento de estar á altura para non perder o paso con Europa e resulta  absurdo dotar a núcleos concretos  do rural con internet se logo non  hai ninguén a quen facerlle o pedido porque o rural está desaparecido”.

Nestes momentos, explicou a deputada do BNG,  “a xeración de coñecementos no sistema público e privado é constante, múltiples participantes son precisos para o mantemento da produción agraria e non é malo sucumbir a unha tendencia actual que trata de poñer ás persoas no centro dos sistemas, neste caso ás persoas produtoras de produtos primarios”.

No ano 2008 empezaron en Europa a referirse ao  sistema de transferencia de coñecemento cara ás explotacións e formarían parte deste proceso de xeración e traslado de coñecemento persoas produtoras asociacións, cooperativas, asesores públicos e privados, universidades, escolas agrarias,  empresas de servizos, de insumos, comercios,  industrias agroalimentarias... etc, un sen número de actores que teñen no centro a estes produtores que como último fin nos alimentan, e para que isto siga sendo así buscouse o modo de que estean actualizados en tódalas técnicas e melloras que sexan posibles.

Para  a parlamentaria do BNG, resulta  “inexplicable” que a estas alturas de estado de aprobación do PEPAC para o seguinte período, aínda non definiran o modelo AKIS específico para optimizar os recursos cos que contamos, tanto no ámbito do asesoramento público como privado. O sistema AKIS, explicou Aira,  hai que entendelo como un macroproxecto que interconecta a tódalas partes implicadas en torno ao coñecemento xerado nun punto A para facelo chegar a moitos puntos finais, F1, F2, F3.... é dicir, “ás granxas e explotacións agrarias e gandeiras, e que ese coñecemento pase con garantía  e non se perda, polo tanto que actúe como xerador de oportunidades para os múltiples cambios que están por vir, en canto a benestar animal, melloras produtivas, melloras  medioambientais, loita contra o cambio climático, etc”.

Nesta liña afirmou que a  investigación,  “non ten sentido se non se transfire e hai que que garantir a súa trazabilidade”. Resulta fundamental que os centros conten coa maquinaria necesaria para as ensinanzas e para iso é preciso modernizar a “flota agrícola” e calquera parataxe destinado á experimentación. Por outro lado, a Universidade debe estar máis conectada á investigación agraria para transmitir este coñecemento.

Por outra banda, remarcou que  As  Oficinas agrarias, tras o seu desmantelamento pasaron a  ser un tramitador burocrático e resúltalles  imposible facer traballo de campo e o servizo  público que ofrecen non pode ser considerado de “asesoramento”. Acaban de convocar oposicións de técnicos agrícolas e agrónomos, pero  “levaban 3 convocatorias de oferta pública atrasada sen convocar”. No  primeiro exame case só aprobou a metade das prazas ofertadas, cun temario orientado para formar administrativos e letrados especializados en materias xurídicas en lugar de asesores rurais con iniciativa e experiencia que poidan estar a pé de campo, dinamizando o tecido produtivo primario.

Galiza precisa dun sistema público e independente de asesoramento

Noutros países, dixo a parlamentaria do BNG,  mantéñense modelos similares a aquel de extensión agraria que tiñamos, “ por que son útiles” e en Galiza deberíamos aspirar a un sistema público forte que estaría reforzado polo sistema privado. Por esta razón, urxiu ao goberno galego a considerar  facer “ex-novo” un sistema público e independente de asesoramento como o que existe en Navarra. Ao seu xuízo, resulta improcedente  “sobrecargar ao Servizo de Explotacións Agrarias e ás OACs coa tarefa de canalizar a información  e transferencia de coñecemento e innovación segundo o sistema AKIS porque non é posible ser especialista en tódalas vertentes e sobre todo,  porque  están extenuados en non poden sequera acudir á formación proposta dende  a Dirección  Xeral.

A deputada lamentou o voto en contra do Partido popular e volveu a afirmar que a única maneira de tomar en serio este asunto é “dotar  suficiente de persoa e recursos económicos o proxecto”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG