Tras a visita á cooperativa Aira en Taboada, (Lugo), os deputados do BNG, Olalla Rodil e Xosé Luís Rivas trasladaron ao equipo directivo o compromiso do BNG co sector agrogandeiro e a necesidade de novas políticas que impulsen as cooperativas.
“Cremos que Aira é un exemplo de que o rural galego e o sector agrogandeiro teñen futuro e son xeradores de postos de traballo e riqueza malia todas as dificultades”, afirmou o parlamentario e portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas.
Na súa visita , os deputados do BNG foron informados do proxecto a curto, medio e longo prazo da cooperativa baseado na sustentabilidade e comercialización así como na transformación da materia prima e servizos que presta a cooperativa.
Rodil e Rivas trasladaron aos responsables de AIRA o compromiso do BNG para continuar defendendo no Parlamento galego a necesidade de que se produza un ordenamento territorial en Galiza que permita “contar con base agraria ás explotacións, rematar coa forestación de terras agrarias e favorecer as condicións necesarias para que os pasos que deu e está a dar o sector sexan acompañados pola administración con políticas que o impulsen e contribúan ao seu desenvolvemento”.
A cooperativa Aira naceu como cooperativa de 1º grao en xullo de 2017 tras a fusión de 5 cooperativas de Lugo: Agris, Icos, Cogasar, Coelplan e a propia Aira creada como cooperativa de 2º grao en 2005. Na actualidade conta con máis de 2.800 socios, entre agricultores e gandeiros, e 220 traballadores repartidos en 15 centros de traballo e produción das explotacións asociadas ascende a 310 millóns de litros ao ano repartidos en 1.100 explotacións.
Os deputados do BNG visitaron as instalacións da fabrica de pensos de Taboada que produce 200 mil toneladas e mesturas que posteriormente distribúen entre máis de 2 mil cooperativistas.
No encontro co presidente da cooperativa, Xosé Manuel Tellado, e o seu xerente, Daniel Ferreiro, os nacionalistas reiteraron o compromiso do BNG co sector agrogandeiro galego como eixo fundamental do desenvolvemento económico do país, sobre todo das comarcas de Lugo e a necesidade de que proxectos como Aira saian adiante apostando non só na produción de calidade senón tamén na xeración de valor engadido.
Este encontro enmarcase nas diferentes xuntanzas que está a manter o BNG con representantes do sector agrogandeiro galego para coñecer os proxectos e trasladar as propostas do Bloque para o sector primario. No BNG, afirmou o parlamentario, Xosé Luís Rivas “temos un proxecto de país no que o sector primario é fundamental”.