PARLAMENTO GALEGO

BNG pide un Plan de Recuperación da Atención Primaria con máis recursos e profesionais e restablecer a atención presencial

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado advirte á Xunta de que a situación do primeiro nivel asistencial soluciónase “con recursos, non ameazando axs profesionais”
BNG pide un Plan de Recuperación da Atención Primaria con máis recursos e profesionais e restablecer a atención presencial

BNG defendeu no pleno do Parlamento galego unha moción para que a Xunta recupere a atención presencial na Atención Primaria, garante a atención telefónica sen demoras e poña en marcha sen máis dilación un Plan de Mellora para o que é o primeiro piar do sistema sanitario e punta de lanza na loita contra a COVID que, entre outras medidas, inclúa un aumento orzamentario até chegar ao 25% e o incremento de profesionais en todas as categorías profesionais (tanto nos centros de saúde como nos PACs).

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, advertiu de que a responsabilidade de solucionar as demoras e a falta de presencialidade “é do Sergas, non das e dos profesionais” e que a situación na que se atopa o primeiro nivel asistencial soluciónase con recursos, “non impoñendo porcentaxes ou ameazando ao persoal sanitario con cobrar menos”.

Prado afeou ao Executivo galego que as listas de agarda en Atención Primaria, tanto para consulta presencial como telefónica, son consecuencia precisamente da falta de recursos e do incremento da actividade relacionada coa pandemia, que recae no sobre-esforzo duns e dunhas profesionais totalmente saturadas.

“E son consecuencia tamén da situación crítica na que xa se atopaba a Atención Primaria antes da pandemia”, engadiu, para a continuación pedir consecuentemente unha estratexia que permita normalizar este piar do sistema sanitario “e que non é volver á situación previa á pandemia, de masificación e axendas interminables, senón a unha Atención Primaria que dispoña dxs profesionais, recursos e capacidades de tomar decisións que permitan atender todas as necesidades da cidadanía cunha atención de calidade”, argumentou.

Por iso, a deputada nacionalista reclamou unha diagnose clara da situación mediante un informe sobre as restricións de acceso, porcentaxe de atención presencial, telefónica e telemática, e tempos de espera nos centros de saúde, así como o volume de carga de traballo que está a supoñer para xs profesionais a carga de traballo adicional derivada da pandemia e a relación de persoal que non foi substituído dende a chegada da COVID.

Sobre esta diagnose, poderase desenvolver un Plan de Ordenación de Recursos Humanos que permita acometer un Plan de Mellora de Atención Primaria realmente rigoroso. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.  
 

BNG pide un Plan de Recuperación da Atención Primaria con máis recursos e profesionais e restablecer a atención presencial