O BNG pide no Parlamento Galego que as plataformas Netflix e Mosvistar+ incorporen subtítulos en galego

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil afirmou  que  Game of Thrones, House of Cards, Orange is the new black, The Danish Girl…poden ser visualizadas en versión orixinal subtitulada en euskera e catalán, mais non en galego

O BNG pide no Parlamento Galego que as plataformas Netflix e Mosvistar+ incorporen subtítulos en galego

A deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu hoxe unha proposición non de lei para incorporar nas  plataformas como Netflix ou Movistar+  subtítulos en lingua galega  nos seus produtos.  A iniciativa que defendemos hoxe desde o BNG, explicou  “é unha proposta de mínimos pero  pon en evidencia a falta dunha política de normalización clara e planificada por parte do Goberno galego con  accións concretas dirixidas a cumprir os obxectivos previstos no Plan de Normalización Lingüística nun sector estratéxico:  as industrias culturais e os medios de comunicación”.

Propomos algo tan elemental, dixo a nacionalista  como que a Xunta desenvolva as medidas necesarias para garantir o acceso a unha oferta ampla de subtítulos en lingua galega, tanto de filmes cinematográficos como series de televisión estranxeiras. E que estes lexendados permitan acceder nas salas de cinema, mais sobre todo nas principais plataformas dixitais, como Netflix ou Movistar+, á  versión orixinal subtitulada en galego.

A deputada do BNG lembrou  que os Gobernos vasco e catalán levan anos desenvolvendo a  difusión e promoción da creación propia como da dobraxe ou subtitulado de producións punteiras, prestixiosas e actuais.

“Entre 2014 e 2017 o Departamento de Cultura e Política Lingüística de Lakua (Goberno vasco) puxo a disposición das persoas usuarias e dos axentes culturais os subtítulos de 279 películas e 225 capítulos de 24 series de televisión”.

En 2016 Movistar+ subtitulou en catalán 230 filmes e 20 series, engadiu Rodil,   e o  pasado ano “Netflix ofreceu, por primeira vez oito películas dobradas ao catalán sumándose a outros provedores que xa o facían como Canal+, Yomvi, Filmin ou AppleTV”.

Unha persoa euskaldun ou catalanfalante pode acceder a contidos en versión orixinal subtitulada  á súa lingua grazas ao traballo dos seus gobernos, aos acordos asinados coas plataformas e aos recursos económicos, técnicos e lingüísticos que a administración facilitou para garantir un dereito fundamental do conxunto da poboación. E fixérono porque saben  que “estas plataformas e producións audiovisuais son un espazo necesario para contribuír á normalización de usos das súas linguas”.

 A nacionalista afirmou  que Game of Thrones, House of Cards, Orange is the new black, The Danish Girl… son producións que poden ser visualizadas  en versión orixinal subtitulada en euskera e catalán pero non  en galego”.

Para Rodil  só é preciso  “vontade política para que a nosa lingua gañe un espazo máis e coloquemos o galego  ao carón do sueco, o francés, o portugués, o catalán ou español” e o   Goberno galego ten  unha grande  oportunidade  para comezar a aplicar esta medida, na segunda edición do Conecta Fiction que terá lugar en Compostela o vindeiro mes de xuño onde estarán representantes destas plataformas. “Un bo  espazo para lles trasladar o desexo e a vontade deste país de que a nosa lingua poida ser unha opción máis nos seus menús”.