O BNG pide no Parlamento eliminar as barreiras legais que limitan a etiquetaxe de produtos en galego

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas: “Tan tolo sería que esta lata de grelos puidera etiquetarse en galego? O galego vende e diferéncianos”

A portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, acompañou a súa comparecencia na Cámara de botellas de viños do país e de outros produtos locais para reclamar a supresión das trabas legais que limitan a etiquetaxe en galego, por considerar que aporta valor engadido xerando unha marca distintiva nun contexto globalizado.

“Perde a economía porque o que fora slogan dunha campaña é unha realidade: O galego vende”, indicou a deputada, quen criticou a “desidia” da Xunta do PP en materia de normalización e dinamización lingüística. “Perdemos espazos de uso e dignificación da lingua e perde a nosa economía, a nosa industria, os noso produtos a oportunidade de xerar marca e diferenciarse nun contexto globalizado”, argumentou.

Presas preguntouse porque a etiquetaxe en galego que se pode facer nos produtos que contan co amparo dunha denominación de orixe non pode xeneralizarse.

“Por que nos parece normal e positivo e presumimos de que esta botella de viño estea só en galego e non, por exemplo, unha botella de lixivia? Ninguén se escandaliza porque esta pasta de dentes teña os ingredientes só en inglés, pero tan tolo sería que esta lata de grelos, que maioritariamente se vai distribuír en Galiza, puidera estar etiquetada en galego se así o quere o empresario ou empresaria?”, argumentou.

A deputada nacionalista fixo referencia ás campañas desenvolvidas pola MNL, -“que logrou que o comercio use o termo rebaixas con total normalidade cando antes non o era”-, e fixo referencia tamén as manifestacións públicas a favor de utilizar o galego como elemento xerador de valor engadido de entidades como o Foro Enrique Peinador ou a Asociación de funcionarios.

Tamén puxo sobre a mesa a petición unánime do Parlamento, até agora incumprida,  pola que a Cámara reclamaba “medidas de apoio para promover a etiquetaxe e a distribución de produtos agroalimentarios en lingua galega, referenciándoos como produtos de calidade vinculada a un modelo produtivo asentado no territorio e a unha cultura, e establecendo medidas para optimizar o potencial da lingua propia para as exportacións dos nosos produtos nos mercados de todos os países da lusofonía”.

Por iso, o Bloque demandou resolver as trabas legais para a etiquetaxe en galego avanzando na aplicación do Plan xeral de normalización lingüística aprobado fai quince anos no que afecta ao tecido socioeconómico “que a Xunta ten metido nunha gabeta sen desenvolver”. Un plan que recolle literalmente o mandato de apostar pola promoción do galego na etiquetaxe de produtos e poñer en marcha campañas de promoción do idioma do país principalmente nos produtos de maior consumo, de proximidade e de calidade”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG