BNG pide paralizar o proxecto do parque eólico Vilartoxo no concello do Val do Dubra polo seu impacto negativo

Iria Carreira
Iria Carreira
Iría Carreira afirmou que a enerxía eólica non é “inocua” e os parques eólicos nunca son a custe cero nin para o territorio, nin  para a poboación

A parlamentaria do BNG, Iría Carreira pediu a paralización do proxecto do parque eólico Vilar Toxo no concello do Val do Dubra ante o impacto negativo do parque sobre a económica local e habitabilidade da zona.

A parlamentaria do BNG insistiu en que o modelo eólico do goberno galego é “agresivo, invasivo” e concretamente nesta zona inflúe negativamente na riqueza cultural e natural pola presenza de elementos arqueolóxicos catalogados e outra parte sen catalogar.

A deputada preguntou  se a Xunta ten previsto avaliar de “maneira conxunta” os proxectos eólicos das comarcas de Compostela,  Xallas e  Barcala así como impulsar un cambio da “normativa eólica actual”  que permita a participación dos axentes implicados para garantir o desenvolvemento eólico con participación pública, xusto socialmente e “respectuoso co medio natural”.

Para a nacionalista, a enerxía eólica “non é inocua” e os parques nunca supoñen “coste cero” para o territorio e a poboación.

Iria Carreira lamentou que a directora de Planificación enerxética, Paula Uría eludira responder a todas as cuestións formuladas pola nacionalista e replicou que o  modelo eólico do goberno do Partido Popular  xa recibiu numerosas críticas das distintas  forzas políticas, organizacións sindicais, ecoloxistas, ambientalistas, defensa do medio natural, asociacións de afectados e  plataformas veciñais.

Neste sentido, lembrou que hai un ano miles de persoas encheron  a praza do Obradoiro para denunciar a  “política  depredadora” do Goberno galego co fin de  favorecer ás grandes multinacionais.  Levamos meses , dixo, vendo como afloran por todo Galiza proxectos de parques eólicos que non atenden “nin á xente que habita o territorio nin aos aproveitamentos que se fan da zona, nin desde o punto de vista agrogandeiro, paisaxístico ou ambiental”.

Un boom, explicou impulsado polos cambios do marco regulatorio enerxético estatal, as  políticas europeas de fomento das renovábeis e da suposta transición verde, ao que sumou as mudanzas normativas promovidas  polo goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza, que “facilitan a  tramitación e aprobación destes grandes proxectos”.

Dende o BNG, afirmou, defendemos as enerxías renovables e a enerxía eólica pero con outro modelo e sobre todo que os beneficios fiquen en Galiza en non nas grandes empresas porque detrás deses proxectos de “gran pelotazo eólico” constatamos a presenza de  “fondos de investimento e grandes oligopolios que buscan o maior rendemento económico acompañado dun gran lavado de cara”.

O Partido Popular, desde a Xunta da Galiza, leva “11 anos de mudanzas normativas” que crearon un marco legal idóneo para estes oligopolios, porque favorece as empresas promotoras pasando por riba dos intereses das comunidades locais e da veciñanza con   tramitacións sen  transparencia nin  participación.

No caso do Parque Eólico de Vilartoxo vemos como é tramitado de “xeito independente” dos de Barrosino e Troitomil, a pesar de que os tres comparten infraestruturas como poden ser as liñas de evacuación.O parque eólico de Vilartoxo está proxectado nas inmediacións da primeira estación de arte rupestre prehistórica do concello do Val do Dubra, á beira de onde se situará unha das vías do propio parque.

O petróglifo do Gavis, explicou a nacionalista  atópase a escasos metros do límite parroquial de San Román e no linde co concello da Baña, nun lugar con pequenos afloramentos e unha combinación circular composta por unha coviña central, 5 círculos concéntricos, o último deles incompleto, e un radio sinuoso que cruza o motivo. -As mámoas do Monte da Medorra estarían atravesadas por un camiño polo que pasaría a pista de acceso e unha gabia de cableado.

Esta  zona megalítica, próxima aos sartegos de Pedra do Home en Portomouro, nun punto estratéxico da ladeira do río Tambre, probablemente vinculado ao tránsito entre Santiago de Compostela e a Costa da Morte, fai pensar que poden aparecer novos elementos despois do estudo da zona.

 Por outra parte, outro dos impacto do parque eólico será no ámbito hidrolóxico, “humidais, brañas, e fontes,” con grande presenza nos  núcleos da Carreira, Xermil, Estebande, O Vilar, Novexilde e San Román no Val do Dubra  e que abastecen de auga potable  e o regadiu para as zonas agrícolas.

É tal a preocupación que está a suscitar este proxecto que a Asociación Vento Libre de San Román presentou 2.322 sinaturas hai dous meses no rexistro desta cámara demandando a súa paralización, cuestión que tamén foi demandada por unanimidade polo pleno da corporación municipal do Val do Dubra, concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG