Senado

BNG pide paralizar a proposta da CE de recortar brutalmente os TAC para o bocareu por prexudicar gravemente á Galiza

Carme da Silva
Carme da Silva

Carme da Silva denuncia que esta proposta non está acompañada de argumentos rigorosos e científicos nin dos estudos de impacto socioeconómico pertinentes

“Que xestións adoptará o Ministerio para frear este novo golpe á pesca galega, inxusto e unilateral?” pregunta a senadora do BNG ao Ministerio de Pesca

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas ante a proposta da Comisión Europea de reducir de maneira brutal os TAC para a pesca do bocarte que afectaría gravemente á frota pesqueira galega. A senadora do BNG, Carme da Silva, solicita o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación protexer os intereses do sector pesqueiro galego e levar a cabo as actuacións necesarias que permitan frear este golpe. Critica, ademais, que esta proposta non vén argumentada dunha forma rigorosa nin científica e tampouco por estudos de impacto socioeconómicos pertinentes.

Despois de coñecer que a Comisión Europea fixese unha proposta de brutal recorte nos TAC para o bocarte, tamén coñecido como bocareu, da zona 9a -abarcando de Fisterra até o golfo de Cádiz- a organización nacionalista rexistra iniciativas de urxencia para impedir o que cualifican como “un novo atraco á nosa frota pesqueira galega”. De facto, o propio Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación mostrou o seu rexeitamento a este novo recorte desmesurado e que non ten fundamento.

A Comisión Europea propón unha diminución de 54% no total admisíbel de capturas para o bocarte e con carácter retroactivo. “Pasaríase das 5 000 toneladas actuais a 969. Unha redución brutal á que se engade unha división por zonas de modo que esa cota revertería no golfo de Cádiz, marxinando a zona occidental do Atlántico e, por tanto, a costa galega” denuncia a senadora do BNG.

“Estamos ante unha Unión Europea que se empeña en reducir á mínima expresión a pesca galega e do Estado español sen presentar estudos sobre o estado do stock do bocareu e sen presentar os estudos de impacto socioeconómico. Unha maneira de proceder que xa comeza a ser a tónica habitual nas decisión da Comisión Europea, como cando decidiu vetar a actividade en 87 zonas de forma unilateral” lamenta Carme da Silva.

En opinión da senadora do BNG, o Goberno do Estado debe defender os intereses da nosa frota pesqueira galega e frear as pretensións da Comisión Europea de reducir os TAC para o bocarte. “Esta proposta non está o suficientemente argumentada e débese parar este despropósito que incide nunha política comunitaria obsesionada con acabar co sector pesqueiro galego” finda da Silva.




 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG