parlamento galego

BNG pide paralizar de “maneira cautelar” o proxecto eólico no monte Neme

Daniel Pérez
Daniel Pérez

Daniel Pérez instou á Xunta a  denegar as autorizacións das infraestruturas e instalacións industriais que atenten contra os valores naturais, estéticos, paisaxísticos  ou culturais do monte Neme

Reclamou  abrir un novo proceso público  que recolla os cambios do proxecto, documentos presentados pola empresa, informes sectoriais completos e  unha “avaliación ambiental conxunta” de todos os parques e infraestruturas asociadas, nunha distancia de 20 quilómetros

Sinalou que o proxecto do parque eólico  afecta aos concellos de Carballo e Malpica e foi sometido a información pública no ano 2007 cunha declaración ambiental do ano 2010

A través dunha proposición non de lei defendida  na comisión de Industria e Enerxía, o deputado do BNG, Daniel Pérez  demandou paralizar de “maneira cautelar” e  “denegar a autorización do proxecto do parque eólico no Monte Neme e a súa contorna pola impacto negativo sobre os valores naturais, o turismo sustentábel e o desenvolvemento  forestal e gandeiro”.

A proposta tamén reclamaba “abrir un novo proceso de información pública” incluíndo os cambios no proxecto, novos documentos presentados pola empresa e informes sectoriais completos, así como realizar “unha avaliación ambiental conxunta” de todos os parques e infraestruturas asociadas nunha distancia de 20 quilómetros.

Por outra parte, salientou a afectación do proxecto nos concellos de Carballo e Malpica e na comarca  de Bergantiños.

O parlamentario lamentou, que unha vez máis, o Partido popular amosara a súa intención de vetar a iniciativa nacionalista  e replicou que o PP non  é consciente de todo o valor que poñen en perigo cun modelo eólico “depredador” que potencia o “espolio enerxético no noso país”.

Na defensa da iniciativa, o deputado lembrou que o BNG xa denunciou, en sede parlamentar,  que os  dous proxectos eólicos para o  “monte Chan” e  “Pena dos Mouros” constituían “unha auténtica navallada” no corazón da Costa da Morte pola súa afectación negativa sobre o valor natural, paisaxístico e xeolóxico nos Penedos de Traba e Pasarela, situados entre os concello de Laxe e Vimianzo, zona ameazadas por ese dous proxectos e agora “por un terceiro”.

A xuízo do deputado, o “boom eólico”   favorecido polos cambios da Xunta e o Partido popular  axiliza  a tramitación dos proxectos  das multinacionais que poden  elixir a ubicación primando os seus criterios economicistas aínda que sexa a costa de danar gravemente o patrimonio natural e cultural.

Por outra banda, denunciou que foi Feijóo o que decidiu paralizar a ampliación da Rede Natura dende o ano 2009 e todo indica, dixo, que “o presidente accidental, Alfonso Rueda tampouco vai mudar o  rumbo”.

O modelo eólico da Xunta, afirmou o parlamentario do BNG, “tritura”  o aproveitamento produtivo do solo, o seu aproveitamento agrario ou gandeiro, xa que a aprobación dos parques conleva a modificación dos usos do solo e a afección directa ou indirecta de grandes extensións de terra ademais de representar  “o certificado de defunción” das potencialidades naturais, científicas, históricas e  culturais

Daniel Pérez explicou que o descubrimento do volframio mineral estratéxico para a industria militar, trouxo consigo unha actividade extractiva que provocou no século vinte graves alteracións na orografía e o arrase dos restos históricos que se conservaban no  cumio deste monte.

Unha explotación mineira, engadiu,  que, alén deses cambios no relevo, xerou unha serie de balsas de auga, hoxe de cor turquesa pola presenza de minerais de sílice, arsénico, prata ou aluminio. Do “volfram  dos nazis” ás “balsas de augas turquesa” de intagramers inconscientes  que  mesmo  inspirou á banda deseñada “wolfram” do ilustrador e deseñador gráfico Alberto Varela Ferreiro, inspirada precisamente na presenza de nazis na zona para sacar proveito deste mineral durante a Segunda guerra mundial.

Un entorno mineiro abandonado á súa sorte con  seis balsas que se encheron de auga da chuvia, sen que a Xunta de Galiza adoptase medida algunha para recuperar o entorno e ante  a espantada da empresa extractora responsable subsidiaria da desfeita.  No ano 2014  unha das balsas rebentou asumindo o concello de Carballo as obras necesarias para evitar que esa rotura afectase ás poboacións cercanas.

Daniel Pérez advertiu  que o proxecto eólico no Neme é  un proxecto que afectará á poboación que vive nos núcleos próximos, como  o de Vernes, situado a tan só 670 metros dun dos aeroxeneradores proxectados.

Tras a intervención da portavoz popular, Marta  Novoa Iglesias que xustificou o modelo eólico da Xunta, o deputado do BNG criticou que a deputada do PP “descoñeza a realidade do Monte Neme” e o grande papel do monte  no tecido socioeconómico da zona. “Non estamos a falar dun lugar calquera”, porque o monte, dixo, “mantén unha importante vinculación cos veciños” e durante moito tempo “quitou da fame a moitas familias”.

Co parque eólico, retirou o deputado, desaparecería todo o potencial e afectaría aos seus grandes valores como  a capela de Santa Cristina, “o mellor miradoiro da comarca”. Este espazo, remarcou Daniel Pérez, hai que protexelo polas  excelentes condicións para o sendeirismo, rutas en bicicleta  e históricas e   actividades de educación medioambiental, pero unha vez máis, o Partido popular opta por beneficiar ás grandes empresas eléctricas cun modelo que rexeita a cidadanía galega polas súas lesivas consecuencias sobre o territorio, a economía e a sociedade.

Daniel Pérez anunciou que o BNG continuará denunciando no Parlamento galego todos aqueles proxectos eólicos que prexudican o desenvolvemento económico do territorio galego e este previsto no monte Neme  é un deles, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG