O BNG pide no Parlamento un plan para erradicar a vespa velutina

Niño de vespa velutina nunha casa
Niño de vespa velutina nunha casa

Propón abordar estratexias de control da poboación da especie invasora e potenciar a loita preventiva en primavera coa captura de raínas velutinas para evitar o nacemento de 15.000 novas vespas

O  deputado e portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas insta ao Goberno galego a tomar medidas urxentes no combate da especie invasora da vespa velutina que se alimenta de insectos e sobre todo de avellas mostrando unha grande agresividade.

O nacionalista alerta da “desaparición das poboacións de polinizadores depredados pola velutina” o que está a ocasionar un  dano “medioambiental irreparable” e con graves consecuencias no equilibrio ecolóxico. 

O BNG traslada ao Parlamento galego a preocupación e demandas da Plataforma STOP Velutina ante a falta de resposta por parte da administración. Neste sentido, reclama da Administración pública a posta en marcha de medidas destinadas ao control da poboación e erradicación desta especie invasora que está prexudicando ao ecosistema galego.

Rivas tamén solicita, a través da proposición non de lei , que  a competencia para a xestión da loita contra a velutina sexa asumida por un único organismo especializado na Comisión de Seguimento e  que sume  tódolos coñecementos e métodos de loita contando    coa presenza do sector asociativo apícola nas súas reunións.

Por outra parte, o deputado nacionalista apela á loita preventiva durante a primavera  co  “trampeo” para a captura de raíñas evitando o nacemento de entre 15.000 e 18.000 exemplares futuras colonias de velutina, e que sexa a  Consellería de Medio Ambiente quen asuma o labor de trampeo como unha das estratexias de control citadas no Decreto Español que regula o Catálogo de especies exóticas invasoras.

Finalmente, Xose Luís Rivas tamén defenderá a plena aplicación das actuacións de coordinación recollidas  no documento "Estratexias de xestión, control e posible erradicación do tártago asiático", no que se designa ao MAGRAMA e máis ao Grupo de Traballo de Especies Exóticas Invasoras (GTEEI), como a entidades competentes para á coordinación entre Administracións e verificar a “utilidade e funcionalidade” de TRAGSA no combate desta especie invasora.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG