Congreso

O BNG pide a nacionalización de Alcoa para salvar a actividade e os postos de traballo

Néstor Rego trasladou a preocupación de moitos alcaldes e alcaldesas están denunciando con preocupación a presenza crecente e masiva de persoas foráneas nas vilas de toda a costa galega.

O BNG ve necesario establecer unha Tarifa Eléctrica Galega que permita rebaixar considerablemente o custo da enerxía como país produtor.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, durante a quenda de preguntas o Presidente, denunciou a situación de crise que están a vivir os traballadores e traballadoras de Alcoa San Cibrao ante o posíbel fechamento da factoría de Aluminio. O deputado inquiriu a Sánchez polas medidas que pensa adoptar o Goberno para enfrontar a crise económica e industrial que está a sufrir o noso país. “A crise social e económica provocada pola emerxencia sanitaria superponse na Galiza a unha crise industrial profunda que afecta especialmente -mais non só- á industria electrointensiva” subliñou.

O BNG advertiu desde un primeiro que o feche da planta de Aluminio podería supoñer un impacto económico negativo e profundo na comarca da Mariña. Rego salientou que “o Goberno español coñece desde hai tempo a delicada situación da industria electrointensiva na Galiza, e aínda non aprobou o Estatuto do Consumidor Electrointensivo”.

Os nacionalistas ven necesario pór en marcha solucións que dean estabilidade ao sector e ao conxunto da nosa industria. Por esta razón, o deputado Néstor Rego propuxo que en primeiro lugar, “é preciso establecer unha Tarifa Eléctrica Galega que permita rebaixar considerablemente o custo da enerxía, porque Galiza é produtora escedentaria, pagamos os elevadísimos custos sociais e ambientais dun deseño que nós non realizamos, mais non nos beneficiamos desa condición de país produtor”. Neste momento as familias e as empresas galegas, pagan máis pola electricidade que en Madrid, onde consumen enerxía galega a 600 km de distancia.

En segundo lugar, o BNG ve necesario intervir para salvar a actividade e os postos de traballo en Alcoa. Os nacionalistas suxiren que se a dirección persiste na súa decisión de pechar, a única alternativa é nacionalizar a empresa. Hai que recordar que xa foi pública e que nunca debeu ser privatizada. “Retornar Alcoa ao sector público, estabelecer unha Tarifa Eléctrica Galega que permita as nosas empresas ser máis competitivas e un plan para reindustrializar Galiza é hoxe unha necesidade perentoria” salientou Néstor Rego.

Posición do BNG ante a prórroga do estado de alarma

Néstor Rego trasladou a preocupación de moitos alcaldes e alcaldesas están denunciando con preocupación a presenza crecente e masiva de persoas foráneas nas vilas de toda a costa galega que “chegan sen ningún tipo de restrición e que representan un risco importante de rebrotes para a poboación galega porque, maioritariamente proceden de Comunidades que están aínda na Fase 1”.

Hai quince días o BNG suxeriu a necesidade de permitir a mobilidade interprovincial dentro do noso país sempre que as provincias estivesen na mesma fase, unha división territorial anacrónica e centralista que non responde á realidade social, mais resulta indignante que os galegos e galegas non podan visitar aos seus familiares se están noutra provincia -inclusive cando iso só representa cruzar unha ponte sobre un río, como entre Padrón e Cesures- e que “no entanto se permita a mobilidade irregular cando pode representar un importante risco sanitario” destacou o deputado nacionalista.

Néstor Rego lembroulle ao Goberno que “no seu día, evidente que por razóns políticas e económicas porque as sanitarias eran indiscutíbeis, non quixeron fechar Madrid e con iso provocaron a centrifugación do contaxio e a súa chegada e expansión pola Galiza” e inquiriu se agora o controlarán para que isto non volva a reproducirse.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG