O BNG pide na cámara unha nova praza de pediatría e matrona para o centro de saúde de Novo Mesoiro

XLRIVAS COMISION SANIDADE 2
Xosé Luís Rivas "Mini"

Mini critica o veto do PP á demanda “xusta” dun barrio que ten a maior porcentaxe de poboación infantil da Coruña. “Xa nos gustaría que fose así no resto de Galiza”, indicou

O deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas reclamou na Comisión de Sanidade a dotación inmediata dunha nova praza de pediatría e outra de matrona no centro de saúde de Novo Mesoiro así como a apertura do servizo tamén en horario de tarde, tendo en conta que se trata do barrio con maior porcentaxe de poboación infantil da Coruña.

Neste sentido, o parlamentario tirou de ironía na súa intervención ao describir Novo Mesoiro: “Estoulles a falar dun barrio diminuto, pequeniño, que como non chama a atención nin fai barullo dabondo está lixeiramente desatendido, non foi proxectado, ninguén sabe del e ten unha demografía decadente”. Por contra, salientou “Novo Mesoiro é todo o contrario e moito máis, cun dinamismo demográfico que xa quixeramos para o resto de Galiza”.

Rivas salientou que en 2015, con 9.000 habitantes, Novo Mesoiro tiña 896  menores de catro anos, pero o centro de saúde só atende en horario de mañá e dispón de dous facultativos e tres enfermeiras para unha poboación de 12.000 persoas, -1.800 menores-, xa que aos habitantes deste barrio se suman os colindantes Feáns, Mesoiro e a urbanización Breogán.

O deputado do Bloque trasladou ao Parlamento a vella demanda de Novo Mesoiro que leva anos reclamando unha mellor dotación de persoal para o centro de saúde, e habilitar a planta superior e, de xeito inmediato, unha nova praza de pediatría e de matrona así como a apertura en horario vespertino.

“Demandan ter un trato igualitario, no creo que esta veciñanza se estea tirando ao monte pedindo moito, penso que a demanda é razoable e xusta, o mínimo que deben ter”, salientou Rivas, quen reivindicou o dereito dos veciños e veciñas a “sentir” o orgullo de pertencer a un barrio dentro do conxunto da cidade.

O deputado criticou o veto do PP a iniciativa do Bloque que trasladaba as demandas de Novo Mesoiro, e amosouse convencido de que o barrio “tomará moi boa nota da negativa do PP e do Goberno da Xunta”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG