Parlamento Galego

O BNG pide modificar o Proxecto do Real Decreto sobre o abono dos solos agrarios

Mini Rivas
Mini Rivas
Xosé Luís Rivas afirma que o novo decreto responde aos intereses das empresas porcinas e non a realidade agraria galega

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini,) defendeu unha proposición non de lei para modificar o Proxecto do Real Decreto sobre o abono dos solos agrarios por considerar que é “lesivo” para Galiza.

O parlamentario explicou que a emisión de amoníaco é “o problema” pero non por unha cuestión medioambiental senón pola presión de dous lobbies no Estado español, “o lobby  do porcino e o de  abono de síntese”. Tanto o Partido socialista como o Partido popular en Madrid, explicou o nacionalista “non puideron  subtraerse a esa presión” e agora estamos ante o segundo intento de decreto, o primeiro foi protagonizado pola ministra Tejerina que, curiosamente, procedía  da empresa  Fertiberia  e defendía os abonos de síntese, explicou o nacionalista.

A realidade agraria galega é distinta á realidade de Castela pero no Decreto non está presente Galiza nin a Cornisa Cantábrica porque de estalo, afirmou Rivas debería influír que o  55% da produción láctea en vacún do estado é galega. Ademais, na súa opinión, o  Decreto adoece de falta de información sobre a morfoloxía e climatoloxía singulares de Galiza así como un especial reparto de propiedades e tamén  unha diferente maneira de entender a explotación do vacún.  Por outra parte, os informes europeos reflicten que as maiores emisións de amoníaco son producidas polos puríns do porcino, sobre todo en Aragón e Cataluña así como os abonos de síntese, principalmente a urea que emite unha grande cantidade de gases.

“A Xunta non actuou a tempo  a pesar de coñecer a intención do goberno  pero aínda pode reaccionar” e  recriminou  ao goberno galego non contar con persoal investigador para responder ao decreto.

 A Xunta manexa a cifra de 525 M€ para resolver o problema dos xudres, 525 M€ de tecnoloxía alemana e holandesa pero os solos galegos precisan “nutrientes e materia orgánica” e poderían absorber en compostaxe todos os residuos orgánicos xerados nas nosa cidades e aínda así, afirmou Mini, “non estarían colmados”. O deputado preguntou cando vai pedir a Xunta  unha investigación aplicada sobre esta materia.

Por outra parte, o  nacionalista volveu a incidir na necesidade de poñer a producir  200 mil hectáreas de terra en abandono e asegurou que Galiza pode reducir até o 40% as emisións de amoníaco porque o problema das explotacións intensivas e extensivas é a falta de redimensión das  fosas de purín. “O dimensionamento adecuado das fosas e a súa cubrición permitiríanos abonar os  cultivos, no momento óptimo e non cando a fosa está chea”.

Si o decreto entra en vigor sen as modificacións necesarias,   “a norma sería un golpe mortal para a gandaría de leite e carne de Galiza”, concluíu.

A proposición non de lei nacionalista foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG