O BNG pide modificar as condicións da concesión do servizo de transporte por estrada por incumprir os dereitos laborais

Luís Bará
Luís Bará

Bará avogou por abrir un proceso de negociación cos axentes sociais e institucionais dentro dun plan Director de Mobilidade Sostible, consonte á sociedade galega

O BNG pide modificar as condicións da concesión do servizo de transporte por estrada por incumprir os dereitos laborais

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe unha proposta para modificar os pregos de condicións da concesión para o servizo público de transporte regular de viaxeiros por estrada por “incumprimento das obrigas sociais e laborais cos traballadores e traballadoras.

A proposta do BNG incluía  abrir  un proceso de diálogo e negociación con todos os axentes sociais e institucionais para elaborar un “novo plan de transporte público por estrada”, enmarcado  “nun Plan Director de Mobilidade Sostíbel” e consonte ás necesidades do territorio e sociedade galega do século XXI.

Na defensa da proposición non de lei, o deputado do BNG afirmou que as cláusulas sociais asinadas no contrato “non se cumprirán e temos que velar pola garantía dos postos de traballo na  súa calidade e cantidade”, engadiu.

Bará explicou que o novo plan de servizo público de transporte por estrada é produto de “decisións erradas” dende o 2009, cando a Xunta decidiu a prorroga, “irregular” dos contratos, en contra da normativa europea durante  sete anos e tras recibir unha sentenza do Tribunal Supremo que obrigaba ao goberno galego  a tomar decisións. Dende ese momento, dixo Bará, a Xunta entrou nunha “carreira desenfreada por tentar cumprir os prazos” e da que agora vemos as consecuencias: “Dúas leis en menos de dous anos e con acordos sen transparencia, seguridade xurídica e anulación de contratos en vigor”.

Para o nacionalista, os beneficios  da integración  no transporte escolar é “pura propaganda do PP”, ao igual que o chamado “transporte á demanda”. A razón da “chapuza” nos contratos responden a “deficientes estudos de campo realizados por empresas “paracaidistas” que non coñecen o territorio galego. Despois de múltiples protestas dos concellos afectados, a Xunta recorreu á contratación dunha empresa para retomar o antigo servizo. Bará ironizou sobre a xestión da dirección xeral de mobilidade da que dixo: “Nin ten dirección nin mobilidade” e na práctica está “privatizada”.

O deputado explicou que a Xunta adxudicou por 2,4M€ a elaboración do  plan de transporte a diversas empresas, aprobado no mes de xullo tras a contratación de seis lotes distintos con seis empresas diferentes. O problema de fondo, insistiu Bará é que “non temos un plan de transporte público, temos un apaño para buscar unha saída rápida”. O plan parte dunha realidade “desfasada” e  non atende á despoboación.

Na actualidade se están a tramitar 100 contratos con empresas obxecto de críticas e recursos por parte de organizacións sindicais e patronal que coinciden nas denuncias  relacionadas co risco de rebaixa salarial e laboral do persoal provocada por  unha  estimación de custe da consellería nos pregos que “non chega nin para cubrir os salarios”. Nun deses contratos, o déficit  no primeiro ano aproximase aos 600.000 euros porque os pregos establecen un número de empregos inferior ao actual.

Bará comparou a situación laboral do transporte público coas condicións dos traballadores e traballadoras das ambulancias que despois de mobilizacións e protestas contra a intención da  concesionaria de implantar  condicións laborais inasumibles, a Xunta rectificou e aportou o 50% para atender as demandas laborais. Esperamos, dixo Bará que non aconteza o mesmo agora co persoal do transporte.

O deputado criticou que a Xunta eliminara pequenas empresas de transporte que cumprían un importante servizo entre vilas e tamén social co fin de  primar a grandes empresas que ao noso entender, dixo, presentan dúbidas para as adxudicacións porque “non cumpren coas condicións laborais e salariais nin garanten os postos de traballo”.

A proposta do BNG para modificar os pregos da concesión do transporte público por estrada para defender os dereitos laborais e salariais e a elaboración dun novo plan de mobilidade foi rexeitada cos votos en contra do Partido popular.