O BNG pide á Mesa do Parlamento que actúe ante a opacidade de Abanca coa comisión das caixas

51cc41b8a35bb-100511_caixas_09x
Foto: Praza.gal
  • Lembra que estamos a falar dunha entidade rescatada con 9.000 millóns de euros de recursos públicos

O BNG considera intolerable a actitude obstrucionista da dirección de ABANCA coa comisión parlamentaria de investigación das caixas, á que acaba de remitir un escrito comunicando a súa negativa a facilitar a documentación solicitada por este grupo político, e vai pedir á mesa do Parlamento e da propia comisión de investigación que tome as medidas oportunas contra este intento de ocultación de información.

Ninguén pode estar por riba do Parlamento e  menos nunha cuestión, a desaparición das caixas de aforro, que ten causado un enorme prexuízo a Galiza. Desde a formación nacionalista, lémbrase que, ademais, estamos a falar dunha entidade cuxo rescate custou nada  menos que 9.000 millóns de euros de recursos públicos e que, tras ser saneada, foi vendida a prezo de saldo a uns propietarios que agora se negan a colaborar coa comisión de investigación das caixas.

En concreto, ABANCA négase a facilitar a documentación relativa á indemnización do ex director da entidade, José Luís Méndez, así como á relativa á venda ou cesión de activos aos membros dos comités de dirección da extinta Caixa Galicia ou aos seus familiares.

No caso concreto deste ex alto cargo, o BNG solicitaba entre outras cuestións a remisión de toda a información relacionada coa indemnización de 18M€ concedida ao José Luís Méndez, en particular a acta do consello de administración que deu luz verde a esta indemnización, así como todo o relativo ao opaco proceso de venda dos activos das caixas, como o caso concreto de Geriatros, e a compra-venda de activos da que supostamente se beneficiaron familiares directos do ex directivo.

O BNG considera que os supostos límites legais que alega o conselleiro delegado da entidade, Francisco Botas Ratera, non son máis que unha nova mostra da opacidade do sector bancario e un intento descarado de impedir que se coñeza a verdade negándose a colaborar coa comisión de investigación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG