parlamento galego

BNG pide medidas reais contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero

Iria Carreira
Iria Carreira
Iria Carreira denuncia situacións de transfobia  dentro do Sergas e pide que se cumpra a lei pola igualdade e non discriminación das persoas LGBTI  

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada do BNG, Iria Carreira reclamou medidas “reais e decididas” contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero.

A nacionalista lembrou que existen denuncias por transfobia no Sergas e pediu que se cumpra a Lei pola Igualdade e non discriminación das persoas LGBTI.

Na súa intervención, a nacionalista explicou que vai máis de medio século desde que mulleres trans, drag queens, gais e lesbianas se opuxesen a unha sociedade que as criminalizaba e denostaba, iniciando as revoltas de Stonewall en Nova York contra a enésima redada policial que soportaban, “o primeiro Día do Orgullo”. Van 3 décadas desde que a OMS lle retirou ás persoas homosexuais a categoría de enfermas e van “só 3 anos desde que llela retirou ás persoas trans”. Neste sentido, recalcou que tras décadas de loita do colectivo LGBT, cómpre protexer e continuar a esixir os dereitos conquistados porque “a LGTBfobia sigue viva” como estamos a ver estes días en Hungría e alentada pola extrema dereita e a dereita.

Por outra parte, engadiu, o 14 de abril de 2014 aprobouse en Galiza a Lei pola igualdade e non discriminación das persoas LGBTI, e aínda que significou un avanzo que puxo a Galiza na vangarda por ser das primeiras medidas lexislativas nesta materia que se aprobaron no estado, o BNG xa advertía de certas eivas e limitacións que quedaban por resolver como “a falta dun capítulo  de sancións por agresións LGBTfóbicas”.

Por outra banda,  o Observatorio Galego,d ende a aprobación da lei de Igualdade aínda carece dun regulamento para o seu funcionamento polo que preguntou ao goberno si “ten previsto poñelo a funcionar, ou vai continuar como un ente pantasma?

Esta, dixo é unha das escasas medidas contempladas na lei que tamén tiña previsto desenvolver estudos no ámbito laboral, protocolos empresariais e das relacións laborais, formación continuada e obrigatoria para o persoal sanitario, ás que sumou, campañas de educación sexual para a prevención de ITS. A día de hoxe, aseverou Carreira, contamos cun Plan Galego contra o VIH e outras ITS pero unha parte do colectivo LGBT sigue “estigmatizado” como xa referenciou o  Valedor do Pobo, no ano 2015.

Tras a resposta da conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, a nacionalista amosou a súa desconfianza ante un goberno liderado por un partido político que votou en contra do matrimonio igualitario e mesmo “mercadeou cos dereitos LGBTI”  como pago “á ultradereita polo pacto de goberno en Madrid”.

28 de xuño, Día Internacional do Orgullo

Nuns días celebraremos o Día do Orgullo e vostedes, dixo a nacionalista, sacarán a bandeira multicolor para logo volvela agochar o resto do ano nunha gabeta. Cando  falamos de dereitos LGBT, falamos dun colectivo como o trans  cunhas taxas de desemprego que pode superar o 80%, falamos de acoso escolar e bullying nos centros de ensino que en ocasións conducen ao suicidio como xa aconteceu en Galiza;  de persoas trans ás que se lles solicitan cribados de ITS no Sergas porque se presupón que  están en risco de ITS, coma se estas enfermidades dependeran da súa identidade de xénero e non das prácticas sexuais seguras; falamos de pasar un confinamento que obrigou a moita xente a volver ás súas casas, onde en ocasións  non se acepta a súa sexualidade identidade de xénero e se ven obrigadas a pecharse no armario, porque non se sentían seguras.

“O colectivo LGBT é algo máis que facer fotos coloridas e poñer mensaxes de <Eu respecto o Love is love>.  O colectivo precisa de medidas concretas e de actuacións decididas”, reiterou a deputada do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG