BNG pide medidas económicas compensatorias para a flota amarrada e as que iniciaron a campaña da xarda e bocarte

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez recrimina á conselleira do Mar non atender ás voces de alarma do sector pesqueiro no mes de novembro cando advertiron  do  impacto polo incremento dos prezos do combustible

A portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez formulou unha pregunta, polo trámite de urxencia,  á conselleira de Mar, Rosa Quintana sobre as actuacións concretas e urxentes que vai desenvolver o Goberno galego para contribuír a paliar os nefastos efectos do incremento do prezo do combustíbel pesqueiro, a perda de ingresos do sector e o amarre total da frota pesqueira galega. Ante esta situación, a deputada do BNG urxiu ao goberno galego a poñer en marcha “medidas económicas compensatorias” para a flota amarrada e para as que iniciaron a campaña da xarda e bocarte.

Na formulación da pregunta, a deputada nacionalista explicou que no ano 2021,  o prezo do gasoil pesqueiro mantívose á alza durante todo o ano e no mes de novembro, a frota pesqueira galega xa daba a “voz de alarma polo  encarecemento  do 60% situando o litro en 62 céntimos” e sen  que  “a Xunta moverá un dedo para paliar ese aumento”.

.Dende o  2020, antes do  conflito bélico en Europa, xa pesaba sobre a frota a ameaza da OMC de prohibir as exencións fiscais aos combustíbeis pesqueiros e a  UE, preparaba medidas para acabar coas subvencións aos combustíbeis fósiles, consecuencia do Pacto Verde Europeo  para eliminar a exención do imposto sobre hidrocarburos.

Ademais, engadiu, a Comisión Europea considera prioritaria a tributación do combustible no seu Plan Fit For 55, que ten como obxectivo reducir as emisión de gases de efecto invernadoiro nun 55% para 2030, o que suporía un gravame a partir de 2023 dun mínimo de 3 céntimos máis por litro.

Mentres todo isto ocorría, criticou a nacionalista,  a conselleira do Mar anunciaba a elaboración de informes para demostrar o grave impacto destas medidas sobre máis de 4.200 buques galegos, e ao mesmo tempo, a conselleira de Medio Ambiente declaraba na reunión do Consello Consultivo de Política Medioambiental para Asuntos Comunitarios, a transcendencia do Fit For 55 que, segundo ela, “supón que, por primeira vez, a lexislación europea vai por diante da propia tecnoloxía”. A deputada do BNG preguntou cal das dúas conselleiras minte porque as informacións son totalmente “contraditorias”.

E agora, en plena loucura de prezos, e despois de máis dun ano sen tomar nin unha soa medida, obviando as súas propias competencias e querendo tapar a súa  irresponsabilidade, “seguen botando balóns fóra”.

No que vai de 2022, a suba do combustíbel pesqueiro é de máis dun 107% e nos últimos 15 días pasou de 0,67 a 1,16 euros e a pesar disto, “a inacción” da Xunta e do Goberno central continua sendo “clamorosa”, recalcou a deputada.

A invasión rusa a Ucraína comezou hai un mes e, mentres vostedes seguen en permanente campaña electoral, a frota galega está amarrada a porto sen ver a día de hoxe cales son as medidas para paliar as consecuencias do amarre da flota. 

Ademais da propaganda,  que actuacións concretas van levar a cabo para paliar os efectos do incremento do prezo do gasoil pesqueiro, a perda de ingresos do sector, o amarre  da frota e a máis que previsíbel perda de postos de traballo na pesca galega?

Tras a intervención da conselleira do Mar, Rosa Quintana, a deputada nacionalista acusou ao goberno de “non ser capaz de tomar ningunha medida” e a  bonificación das taxas portuarias que anunciaron aínda non se publicaron no  DOG. Nas  CC.AA. queda o 50% dos impostos dos carburantes,  e o orzamento de máis de 5.200.000 euros e axudas concedidas por pouco máis de 140.000 euros foron destinadas a 1.224 solicitudes presentadas das que 1.034 foron rexeitadas.

Cómpren medidas urxentes de compensación económica que palíen os amarres e sobre todo para as frotas que xa comezaron a campaña de xarda e bocarte, remarcou a nacionalista que concluíu a súa intervención pedindo ao PP que “deixe de facer campaña electoral e oposición ao goberno do estado”. Actúen como goberno galego e “atendan á cidadanía á que se deben”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG