O BNG pide investigar todos os bens inmatriculados da igrexa na Galiza desde 1946

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará esixe anular o rexistro de todos os que  non conten coa documentación acreditativa de titularidade e dos  bens en dominio público

O BNG rexistra no Parlamento galego unha batería de iniciativas instando á xunta de Galiza a demandar do estado facer pública a listaxe de “bens inmatriculados pola Igrexa Católica entre os anos 1946 e 1998”, tendo en conta a posibilidade de que foran rexistrados ilegalmente templos dedicados ao culto.

O parlamentario do BNG, Luís Bará tamén demanda crear unha oficina de información e asesoramento para as entidades que reclamen estes bens.

Na proposta do BNG figura estudar “vías legais para reclamar a anulación das inmatriculacións” de bens de dominio público e sen documento “acreditativo da propiedade”.

O deputado do BNG, lembra que o  goberno do Estado dispón desde agosto de 2018 dunha listaxe de bens inmatriculados entre 1998, reforma da Lei hipotecaria no goberno de Aznar e 2015 que non se fixo pública e que  impide abrir vías legais para a súa anulación. Por esta razón,  o BNG considera “urxente e necesaria que se faga pública a listaxe”, para que  goberno central e  Xunta de Galiza promovan a anulación daquelas inscricións que supoñan a apropiación de bens de dominio público e doutras propiedades de administracións e particulares.

A iniciativa do BNG, manifesta Bará,  vai máis alá e propón ampliar a investigación a todas as inmatriculacións realizadas desde 1946, data en que se aprobou a norma que outorgaba á Igrexa católica a posibilidade de rexistrar bens sen acreditar  propiedade. Bará apunta que esta investigación debe incidir  especialmente na inscrición de lugares de culto, que están excluídos da lei de 1946 (si están incluídos na reforma de 1998) e nos bens considerados de dominio público.

A este respecto, o nacionalista alude á sentenza do Tribunal de Estrasburgo de 2016 que cualifica de “arbitrario o dereito de inmatriculación da Igrexa” e considera que viola o dereito de propiedade.

Luís Bará denuncia “a conivencia de PP e PSOE para protexer estes privilexios e abusos,  impropios dun Estado  aconfesional e destinar  fondos públicos millonarios para a  súa rehabilitación co posterior cobro da Igrexa  para poder visitalos”.

Un privilexio franquista ampliado polo goberno de Aznar

 O parlamentario do BNG explica que a  Igrexa católica goza  desde 1946 dun privilexio franquista que lle permitiu inscribir miles de bens sen ter que acreditar a propiedade dos mesmos, porque a Lei hipotecaria e o regulamento  permitiron que os representantes eclesiásticos actuasen como “fedatarios públicos”.

Aínda que a citada norma impedía inscribir templos dedicados ao culto por ser considerados bens de dominio público, a realidade é que nos anos 80 e 90 do século pasado moitos destes bens foron inmatriculados, “inscritos por primeira vez no Rexistro da Propiedade a nome da Igrexa”.

No ano 1998 o goberno do PP ampliou “o privilexio franquista” mediante unha modificación da Lei hipotecaria que lle permitía á igrexa inscribir tamén lugares de culto como igrexas, mosteiros, ermidas, capelas, catedrais, etc. Como consecuencia desta norma, estímase que entre 1998 e 2015, ano da supresión desta prerrogativa, foron inscritos máis de “30.000 bens a nome da Igrexa católica, dos cales unha parte poderían ser bens privados, outros de propiedade das administracións e outros de dominio público”.

Ante esta situación,  no ano 2017 foi aprobada unha proposición non de lei no Congreso na que se demandaba ao goberno do Estado a elaboración dun informe con todas as inmatriculacións realizadas entre 1998 e 2015, así como “reclamar a titularidade do dominio se a devandita inmatriculación se fixo sen a necesaria existencia dun título material e previo”, isto é, sen que existise algún documento que demostrase a propiedade.

Por outra parte, no ano 2018 unha Comisión de Persoas Expertas creada para determinar a titularidade da Mezquita de Córdoba recomendou anular as inmatriculacións mediante un recurso ao Tribunal Constitucional.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG