Parlamento Galego

O BNG pide intervir Barreras para buscar unha solución de futuro que tamén inclúa un centro de reparación naval en Vigo

Luís Bará
Luís Bará
A solución non está nin na “corrupción” de Pemex, nin na “especulación” dos fondos voitres, advirte Luís Bará

O deputado por Pontevedra, Luís Bará, trasladou ao Parlamento a “preocupación extrema” do comité de empresa, do cadro de persoal e das empresas auxiliares de dous estaleiros emblemáticos da Ría de Vigo, -Vulcano e Barreras-, nun contexto de crise industrial da comarca.

“Situación endiañada na que teñen responsabilidade desde o Goberno do PP”, indicou, no caso de Vulcano “por inacción porque enganaron e abandonaron aos traballadores e agora están amparando ao presidente da autoridade portuaria de Vigo mentres pon paus nas rodas para unha posible solución”.

E, no caso de  Barreras, “porque crearon o problema abríndolle a porta á PEMEX no que ía ser unha oportunidade histórica, unha alianza estratéxica pero terminou por ser  unha gran mentira, aderezada con corrupción que agora lles estoupou pese a ser unha operación apadriñada polo señor Feixóo do mesmo xeito que apadriñaron ao señor García Costa, destacado militante do PP, para levar o estaleiro ás pedras e a esta situación na que hai 200 traballadores en paro, máis de 30 empresas auxiliares afectadas 1.000 empregos na picota”.

A día de hoxe, e coa operación Pemex convertida nun fiasco, o que está sobre a mesa “é unha operación escura da man dun fondo voitre que todos sabemos como operan, aproveitándose das axudas públicas para sumar beneficios, e tamén nos preocupa as declaracións do conselleiro de Industria confesando que ignoraba os detalles do acordo que acaban de anunciar”, denunciou Bará.

Nin corrupción, nin especulación, a solución pasa por unha intervención pública de Barreras e pola creación dunha mesa de negociación con todas as partes implicadas para buscar  unha alternativa viable para o estaleiro. E tamén pasa porque esa intervención pública permita desenvolver un centro de reparacións do naval na Ría de Vigo.

“Quen desprestixia o naval é o Goberno de Feixóo coa corrupción de Pemex antes e os socios de fondos voitre agora”, criticou Bará. “Ten que haber unha intervención pública, tanto da Xunta como do Estado, man a man coas empresas, as auxiliares e os traballadores, para buscar unha solución de futuro que garanta emprego estable e de calidade na ría do Vigo e, permita tamén, desenvolver o centro de reparacións naval”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG