O BNG pide habilitar un procedemento que axilice a devolución das peaxes abusivas de AUDASA

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará valora a demanda da Fiscalía de Pontevedra para recuperar os cartos cobrados durante os atascos, “a primeira vez que se lle planta cara”

O deputado do BNG reclama unha auditoría das obras de ampliación de Rande e un protocolo para levantar as barreiras en caso de retencións

O BNG pide habilitar un procedemento que axilice a devolución das peaxes abusivas de AUDASA

O BNG celebra e comparte a demanda colectiva presentada pola Fiscalía de Pontevedra contra AUDASA polo cobro de peaxes abusivas durante as obras de ampliación na Ponte de Rande. “Pensamos que é moi rigorosa e necesaria, porque non só pide a devolución das peaxes senón a condena destas prácticas de cobrar pese a prestar un mal servizo”, salientou o portavoz parlamentario de infraestruturas, Luís Bará.

Neste sentido, o deputado por Pontevedra considera imprescindible poñer en marcha un mecanismo que facilite a devolución das peaxes cobradas de xeito abusivo, tanto pola elevada tarifa como polo deficiente servizo. “De feito, o Bloque xa presentou iniciativas no Parlamento para establecer un procedemento áxil para a devolución das cantidades cobradas indebidamente”, indica Bará, “e para iso son fundamentais os rexistros da propia concesionaria sobre os e as usuarias que utilizaron a AP9 nos horarios nos que se produciron as  retencións”.

O Bloque  propón indemnizar a todas as persoas “que se viron afectadas por esta situación de atascos convertidos en auténticos atracos”, salienta o portavoz de Infraestruturas, quen considera moi relevante a demanda.  “É a primeira vez que unha institución lle intenta parar os pés a AUDASA e se enfronta aos abusos da concesionaria, o que contrasta coa permisividade que mostraron todo este tempo  Xunta e Goberno central pese ao deterioro e as consecuencias no servizo derivadas das obras de Rande”.

Por contra, lonxe de tomar medidas a favor das persoas afectadas polos atascos, premiaron á concesionaria cun incremento abusivo das tarifas, que en 2018 supuxeron un aumento do 4%. Neste sentido, Bará afea a pasividade política da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, “que agora da golpes de peito e solta bágoas de crocodilo ante esta demanda colectiva cando ao longo destes anos permitiu, aplaudiu e non tomou ningunha medida contra os abusos de AUDASA”.

O BNG tamén considera fundamental que se cumpran inmediatamente os acordos aprobados polo Parlamento a instancias da formación nacionalista, no sentido de abrir un expediente sancionador desde o Ministerio de Fomento á concesionaria como consecuencia destas prácticas abusivas.

Igualmente, valora como imprescindible que o Estado solicite a devolución das cantidades pagadas á concesionaria durante os tres anos de obras, “pese a non prestar o servizo axeitado”, unha auditoría das obras de ampliación e un protocolo para levantar as barreiras en caso de atascos. “E, desde logo, atender de inmediato a transferencia da AP9 que veremos cal é a posición das forzas estatais no debate do próximo martes no  Congreso”, conclúe Bará.