O BNG pide que o Goberno de Feixóo aclare na Deputación Permanente o falecemento dun traballador agardando por unha ambulancia

Montse Prado
Montse Prado
“De novo volven saltar todas as alarmas”, salienta Montse Prado
O BNG pide que o Goberno de Feixóo aclare na Deputación Permanente o falecemento dun traballador agardando por unha ambulancia

O BNG pide que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, compareza na Deputación Permanente do Parlamento para dar explicacións en relación ao funcionamento do servizo de transporte sanitario urxente, despois de que unha persoa falecese onte na Coruña mentres esperaba a chegada dunha ambulancia. Situación que ten un tráxico precedente moi recente cun falecido en Dozón, tamén mentres esperaba a ser trasladado.

Por iso, tras expresar as súas condolencias e solidariedade coa familia e con todas as persoas achegadas ao traballador falecido, o Bloque considera urxente esa comparecencia.

“De novo volven saltar as alarmas e a preocupación do deficiente servizo de transporte sanitario urxente, pese a que a atención ás urxencias extrahospitalarias é un servizo vital, xa que diante dunha emerxencia o factor tempo e a eficiencia do persoal é fundamental e pode marcar a diferencia entre un desenlace positivo ou fatal”, explica a até agora portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado.

“De novo unha persoa morre agardando que chegue unha ambulancia. Máis de media hora e espera  e cando chega o servizo de transporte urxente este non está equipado para prestar a atención precisa, facendo necesario solicitar unha segunda ambulancia co correspondente tempo de espera adicional”, denuncia Prado.

Para a dirección do BNG, “a falta de medios como consecuencias dos recortes do PP na sanidade pública ten consecuencias letais unha vez máis, urxe reverter esta situación e concederlle ao sistema público de saúde o trato prioritario que merece atendendo as súas necesidades de dotación orzamentaria e de persoal”.

“Diante desta nova traxedia é hora de que se asuman responsabilidades, tanto por parte do conselleiro de Sanidade como polo propio xefe do Executivo comparecendo na Deputación Permanente do Parlamento”, reclama Prado.