Parlamento Galego

O BNG pide que se garanta a escolarización do alumnado de familiares con doenzas graves evitando risco de contaxio

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
Lourenzo: “Non se lle pode esixir a pais e nais que elixan entre a súa saúde e a educación dos seus fillos e fillas”

O BNG traslada ao Parlamento a situación límite que viven centos de familias en relación á escolarización dos fillos e fillas aos que non poden enviar ao centro educativo porque algún dos membros da unidade familiar padece unha doenza grave e a súa saúde se vería seriamente comprometida ante un contaxio COVID19.

“A situación sanitaria destes pais e nais fai que un contaxio teña moitas posibilidades de ser letal para as súas vidas e o feito de que os seus fillos e fillas se expoñan ao virus nas escolas e poidan contaxiar a estas persoas na casa pode implicar consecuencias dramáticas tal e como se establece en informes médicos destes pacientes”, salienta o portavoz parlamentario de Educación, Manuel Lourenzo.

Seguindo estas indicacións dos profesionais sanitarios, e ante a falta de alternativas por parte da Consellería de Educación, moitos proxenitores decidiron seguir estes consellos médicos e non enviar aos seus fillos e fillas á escola, o que mesmo está a provocar a apertura de expedientes de absentismo escolar a familias que tan só están protexendo a súa saúde e a súa vida nunha circunstancia extrema.

“Pais e nais que, ademais de ter que pelexar cunha enfermidade gravísima, poidan ter que lidar coas ameazas de intervención da Fiscalía pola apertura de expedientes de absentismo nun momento de extraordinaria dificultade persoal”, salienta Lourenzo. Hai que ter en conta que entre o 12 e o 15% dos 6.500 contaxios activos de COVID proceden do ámbito educativo polo que o risco é evidente.

Neste contexto, o Grupo parlamentario do BNG considera intolerable que a Xunta “obrigue a estas familias a escoller  entre o dereito á educación dos seus fillos e fillas e o dereito á vida destes pacientes polo elevado risco ao que se expoñen”, explica Lourenzo, polo que insta á Consellería de Educación a dar unha alternativa que garanta a escolarización deste alumnado sen risco sanitario para os seus familiares.

Igualmente, que se adopten as medidas necesarias para solucionar de xeito inmediato os problemas creados polos expedientes de absentismo abertos por esta causa en algúns centros.

Outra das cuestións que tamén preocupan ao BNG en materia educativa en tempos de pandemia e a situación de discriminación do alumnado con necesidades auditivas, estudantes con problemas de xordeira que precisan unha atención que teña en conta a súas especificidades.

Neste sentido e a través dunha batería de iniciativas presentadas pola deputada Mercedes Queixas, o Bloque reclama á Xunta a posta en marcha de medidas educativas e de protección sanitaria adecuadas ás necesidades especiais do alumnado e do profesorado con deficiencia auditiva, de tal xeito que se garanta a continuidade do proceso ensino-aprendizaxe para este colectivo e se evite a súa discriminación social nos centros educativos.

Queixas advirte que a Consellería de Educación non regulou a necesidade dunha atención educativa específica para as persoas xordas e, neste sentido, propón que o Goberno galego asuma o custo de máscaras transparentes para facilitar tanto o acceso equitativo ao ensino deste alumnado, como o labor das e dos docentes con deficiencia auditiva.  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG