O BNG pide a Feixóo que rectifique e apoie a folga do 8 de Marzo que impulsa o feminismo galego

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas: “O machismo ten que volver a caverna para non saír dela”

O BNG propuxo no pleno que a Cámara mostrase o seu apoio institucional á folga feminista do 8 de marzo, que non saíu adiante polo voto negativo do PP.

A portavoz en materia de Igualdade, Noa Presas,  criticou o “fariseísmo” da bancada popular e lembrou que o Goberno de Feixóo foi condenado polo TSXG por impoñer servizos mínimos “maliciosos”, que tiñan como obxectivo dificultar o seguimento da xornada de mobilización de fai un ano.

“Estou convencida de que o próximo domingo en Lugo e o vindeiro 8 de marzo Galiza volverá facer historia, porque a forza do feminismo é xa imparable, porque estamos a vivir un cambio social importante que debemos seguir impulsando”, salientou Presas, máxime ante “o rearme do neomachismo camuflado de modernidade”.

Por iso, o Bloque levou a pleno unha iniciativa de apoio a unha xornada de folga feminista que considera necesaria para visibilizar a desigualdade das mulleres.

“É unha advertencia de que estamos vixiantes e preparadas para combater calquera intento de retroceso, para loitar porque a igualdade por lei se converta nunha realidade, para non permitir nin un paso atrás nos dereitos conquistados ante o neomachismo da dereita e da extrema dereita”, argumentou Presas. “O machismo ten que volver á caverna para non saír dela”, recalcou.

Presas criticou que o Goberno da Xunta non tomase nota das demandas da galegas que fai un ano protagonizaron unha mobilización sen precedentes nas rúas. De feito, e pese as sentenzas do TSXG,  a Xunta volve impoñer uns servizos mínimos abusivos. “Desistan, as traballadoras deste país irán á folga queira o PP ou non”, ironizou, “porque sobran os motivos”.

Como defender o dereito da muller a decidir sobre a súa maternidade,  “fronte ao tridente Feixoo, Casado, Rivera”. Para mudar unha realidade na que a atención a dependentes e a conciliación  recaen nas mulleres, na que a fenda salarial subiu na década de Goberno de Feixóo e a diferencia media e de 4.000 euros.

Motivos como a feminización da pobreza: o 22,2% das mulleres estaban por debaixo do limiar da pobreza no ano 2017 e o 60% das perceptoras da RISGA foron mulleres, mentres un total de 100.000 asalariadas non chegan ao SMI.

Un ano despois do 8M a contrarreforma laboral segue sen derrogar, o Executivo de Feixóo veta destinar o 1% dos orzamentos á loita contra a violencia machista, faltan xulgados específicos contra a violencia de xénero nas cidades. “O balance é un suspenso e hoxe deberían rectificar empezando por manifestar o seu recoñecemento e apoio ao feminismo galego e á convocatoria de folga de mulleres de marzo de 2019”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG