O BNG pide que Feixóo que explique o suposto pago de favores con diñeiro negro de Venezuela

Olalla Rodil
Olalla Rodil
“É un escándalo que se dedique a caciquear coa comunidade galega no exterior durante as eleccións, o secretario de emigración ten que dimitir”, denuncia Olalla Rodil
O BNG pide que Feixóo que explique o suposto pago de favores con diñeiro negro de Venezuela

O BNG pide a dimisión do secretario de emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, tras as irregularidades detectadas polo "Tribunal de Cuentas" que atribúe un suposto pago de favores en Venezuela con diñeiro negro.

“Ten que dimitir, é un escándalo que se dedique a caciquear coa comunidade galega no exterior e que tente tapar as ilegalidades do seu partido con diñeiro público”, salientou Olalla Rodil, membro da Deputación Permanente do Parlamento.

Segundo a información publicada por diversos medios de comunicación, Rodríguez Miranda, intentou que unha fundación pública -Fundación España Salud- asumise con fondos públicos o buraco de 300.000 € que o Tribunal de Cuentas detectou na xestión de axudas de emerxencia a españois residentes en Venezuela entre 2015 e 2016.

“Ese buraco resultou do cambio de diñeiro público no mercado negro que, nunha parte, tería sido destinado ao pago de actividades que nada tiñan a ver cos obxectivos da Fundación España Salud senón máis ben con favores electorais”, explica Rodil, “é unha cacicada en toda regra e Feixóo ten que dar a cara”.

“Feixóo ten que aclarar se o PP desde a embaixada española en Venezuela caciqueou con diñeiro negro para mobilizar a comunidade galega nas eleccións de 2015 e 2016 e se o secretario de emigración actuou seguindo instrucións do Goberno da Xunta ou pola súa conta”, insistiu a nacionalista.

Para o Bloque, é necesario que o xefe do Executivo explique se coñecía o que estaba a facer o secretario de Emigración do goberno que preside, “cando intentou tapar con diñeiro público as ilegalidades cometidas por membros do PP”.