BNG pide explicacións á Xunta polas 5.500 pantallas educativas adxudicadas en 2021 que aínda non chegaron aos centros

Dani Castro
Dani Castro

Daniel Castro advirte que o propio persoal técnico da AMTEGA indica que a empresa gañadora pretende cambiar as pantallas por outras de peor calidade

O deputado nacionalista Daniel Castro exixiu no Parlamento explicacións á Xunta polas 5.500 pantallas dixitais educativas licitadas nun contrato que foi resolto cun importe de 15 millóns de euros hai xa case un ano -en concreto, o 4 de novembro de 2021-, pero que aínda non están instaladas nos centros de ensino de toda Galiza, no marco do Plan Abalar.

Logo de lembrar que a licitación era para “pantallas dixitais interactivas de máxima calidade”, Castro afirmou que, segundo a información da que dispón o grupo parlamentario do BNG, “hai problemas no subministro do modelo de pantalla que foi valorado coa máxima puntuación polos técnicos da Axencia Tecnolóxica de Galiza (AMTEGA)” e advertiu que “a empresa gañadora do contrato pretende cambiar ese modelo por unha pantalla de peor calidade”. “Esta non é unha valoración que faga o BNG, senón que é unha valoración que fan os propios técnicos e técnicas da AMTEGA nun informe”, alertou.

Nunha pregunta en pleno parlamentario, o deputado do Bloque cuestionou ao Executivo do PP polas razóns que impiden que, un ano despois da súa adxudicación e co curso 2022-2023 ben empezado, non haxa “nin unha soa delas” instalada nos centros educativos e reclamoulle concreción respecto dos prazos previstos para que “profesorado e alumnado dispoñan destas pantalla dixitais”.  

Logo que o conselleiro de Facenda e Administración Pública se escudase na tramitación administrativa e eludise concretar cando chegarán as pantallas aos centros, Castro cuestionou se “o PP está disposición de asegurar que vai primar o interese xeral e non o particular de ningunha empresa”. “Non vaia ser que, ademais de chegar tarde, mal e a rastras, as pantallas sexan de peor calidade, porque iso é o que di o informe da AMTEGA”, incidiu.

Nesta mesma liña, advertiu que xa se publicaron informacións xornalísticas nas que a firma que ía subministrar inicialmente as pantallas do plan Abalar denunciaba “irregularidades no concurso”, polo que insistiu en que a Xunta debe dar explicacións ao respecto. “Non nos dixo nada de por que os técnicos e as técnicas da AMTEGA din que aquí pode haber un cambiazo por unhas pantallas de peor calidade”, reprochou ao conselleiro, ao que tamén lle afeou para concluír que “a súa non resposta di bastante”. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG