O BNG pide explicacións sobre a subvención do GDR á ex-alcadesa do PP de Melide para establecer unha pensión

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini", no Parlamento

A beneficiaria, secretaria do Grupo de Desenvolvemento Rural que concede a subvención,  recibirá 177.643 € dentro do proxecto de rehabilitación da Antiga Casa Reitoral de Santo Estevo de Vilamor, no concello de Toques

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini), rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego para preguntar ao  goberno e a AGADER polos   criterios e baremación  dos expedientes tratados pola  Xunta Directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR)  Ulla-Tambre-Mandeo o pasado 27 de xullo e concretamente o referido á  rehabilitación da antiga Casa Reitoral de Santo Estevo de Vilamor, no concello de Toques no que  resultou beneficiaria a actual portavoz do Partido popular, ex-alcaldesa de Melide e membro da propia  directiva do GDR.

O deputado denuncia o proceder da directiva  do Grupo de Desenvolvemento rural, “integrada na súa totalidade por membros do Partido popular” na  concesión dunha axuda de  177.643€ á secretaria para establecer unha pensión con seis novas prazas de aloxamento e servizos complementarios  de bicicletas de aluguer, piscina e un  espazo de exposición e comercialización de produtos agroalimentarios do territorio e produción ecolóxica... cun orzamento de 381.249,24 euros e  177.643,08 euros de subvención.

O deputado recalca que  a axuda concedida e o  proxecto  xeraron unha especial alarma e polémica na comarca por ser a titular e beneficiaria da axuda “non produtiva”, a actual voceira do PP , ex-alcaldesa de Melide e secretaria do GDR que concede a axuda.

Ante esta situación o BNG pregunta no Parlamento polos criterios na concesión da subvención e a postura da Xunta  e AGADER sobre a axuda concedida a unha destacada militante do Partido popular en Melide e membro da directiva do GDR.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG