Parlamento Galego

O BNG pide explicacións á Consellería de Sanidade polo traslado da ambulancia medicalizada do Hospital do Salnés a Sanxenxo

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado critica que o PP ocultara e tomará esta decisión no remate das eleccións e pide unha rectificación urxente  para non poñer en risco a saúde dos veciños e veciñas do Salnés

A deputada e portavoz de Sanidade do BNG,  Montse Prado pide explicacións ao Partido popular ante o anuncio do 061 sobre o traslado da ambulancia medicalizada con base no Hospital do Salnés a Sanxenxo.

Para a nacionalista, “a Consellería de Sanidade  debe explicar os criterios desta medida” que sen lugar a dúbidas, leva como consecuencia “o aumento do tempo para atender unha urxencia”. As isócronas dende Sanxenxo a Vilagarcía son de 30 minutos, explicou a deputada  o que fai urxente contar cunha ambulancia no Salnés tendo en conta o gran número de servizos realizados dende a súa posta en funcionamento no mes de outubro do 2019.

Por outra banda, Prado critica que o Partido popular anuncie esta medida, “xusto no remate das eleccións ao Parlamento galego”.

Dende o BNG, dixo, queremos mostrar o noso rexeitamento a esta medida e no suposto dun aumento de demandas en Sanxenxo exiximos “aumentar os efectivos e unha ambulancia para a zona” pero en ningún caso, “deixando desprotexidos aos veciños e veciñas do Salnés”.

Prado insistiu en que o Partido popular debe “rectificar” a súa decisión e agarda que  o anuncio se produza canto antes para non poñer en risco a saúde dos veciños e veciñas do Salnés. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG