O BNG pide eximir aos concellos das taxas por actividades realizadas nos espazos de dominio público portuario

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado anunciou que o BNG defenderá no Parlamento unha Proposición de Lei para modificar a actual lei de Portos e subsanar a “sangría económica” a concellos e entidades que utilizan os espazos portuarios

A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe unha proposición non de lei destinada  a eximir do pago das taxas a concellos e entidades sen ánimo de lucro pola realización de actividades no denominado dominio publico portuario.

Para a parlamentaria, a actual lei é “privatizadora” e cun principal obxectivo, “o negocio” en troques da cooperación e beneficio público. En Galiza existen 122 infraestruturas portuarias que dependen do Goberno galego e  só  portos como o de  Vigo, Marín,  Vilagarcía de  Arousa ,Coruña, Ferrol e San Cibrao, son de Interese xeral. Todos estes portos están inxeridos en vilas con grande tradición e conexión co lugar. Neste sentido, explicou que a Lei de Portos blindou espazos  e privatizou zonas de costas aos concellos e os seus habitantes.

O Partido popular non atendeu ás emendas presentadas polo BNG para corrixir esta situación e restituír a relación fluída entre concellos e entidades portuarias evitando  “a barra libre” que propiciou a construción de hoteis e actividades alleas a actividade portuaria. A lei, recalcou Prado, “impulsou o negocio, fronte á actividade propia dos portos” relegando mesmo ao último posto a actividade pesqueira.

A nacionalista insistiu no afán de “facer caixa” das autoridades portuarias a contra dos concellos cobrando taxas pola utilización de espazos baixo a tutela de Portos de Galiza e lembrou novamente que o Partido popular impediu as emendas do BNG destinadas a resolver esta cuestión. Hoxe, dixo, imos de novo nesa liña e defendemos eximir aos concellos e entidades sen ánimo de lucro do pago de taxas por utilizar espazos públicos de dominio portuario. Espazos inxeridos na trama urbana e sen uso portuario como  as alamedas de Cambados e Cangas ou os  propios concello do Grove ou Rianxo que asumen o mantemento deses espazos. Os mercadillos, festas, paseos  e actividades  deben pagar altas cantidades que oscilan entre o  3.000 e máis de 100.000 euros  a Portos de Galiza dentro dunha economía municipal moi mermada.

Trala intervención do portavoz do Partido popular, Alberto Pazos Couñago que anunciou o voto en contra á proposta nacionalista, a deputada  anunciou que proximamente  o BNG defenderá no Parlamento galego  unha proposición de Lei para modificar a actual lei de portos e corrixir “a sangría económica aos concellos” por parte de Portos de Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG