Parlamento Europeo

BNG pide dimisión de Pastor tras o demoledor informe da UE que pide reabrir investigacion de Angrois

Ana Miranda con representantes da Plataforma de Vítimas do Alvia

O BNG considera que o informe elaborado pola Comisión Europea “é demoledor” e pode dar un xiro de 180 grados á hora de establecer responsabilidades e de esclarecer os feitos do tráxico accidente de Angrois, ao concluír que a investigación do sinistro careceu de independencia, que non houbo colaboración por parte de Renfe e Adif e ao solicitar a reapertura do caso.

“O informe é demoledor, e espero que sexa un paso decisivo cara a esclarecer a verdade e as responsabilidades políticas e xurídicas, por respecto ás vítimas e ao conxunto da sociedade galega”, explicou a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, que non agochaba a emoción polo traballo feito polo BNG, desde todas as institucións “sempre a carón das vítimas”, tras saír da reunión co responsable de Seguridade Ferroviaria, Herald Ruijters, e con Josef Doppelbauer, director executivo da Axencia de Seguridade Europea.

Nese encontro, o BNG e representantes da Plataforma de vítimas do Alvia recibiron o informe e as explicacións por parte dos responsables de seguridade ferroviaria da Comisión Europa. “Á vista das conclusións do documento da UE, a ministra de Fomento, Ana Pastor, debe dimitir, e con ela todos os responsables de seguridade ferroviaria no Estado español”, reclamou Miranda.

O documento elaborado pola Axencia de Seguridade Europea (ERA), cumprindo o compromiso adquirido co BNG e coa Plataforma de víctimas foi entrado esta tarde á portavoz en Bruxelas do Bloque, Ana Miranda, e a unha representación das vítimas, poñendo fin a dous meses de demora na difusión do informe por presión do Estado español, o que motivou a interposición de recurso en base á normativa de transparencia comunitaria.

Nun documento de doce folios a Comisión Europea deixa por escrito catro conclusións moi claras:

1ª Que a composición da comisión de investigación de accidentes ferroviarios non aseguraba a necesaria independencia, dándolle a razón ás voces que, como o Bloque, viñan denunciando este feito.

2ª Subliña que a investigación centrouse só na causa directa do sinistro, - un erro humano-, pero non obvia outras causas, -trazado da ruta, sistemas de seguridade, etc-, que non foron tidas en conta, desmentindo así que non exista máis responsabilidade que a atribuída ao maquinista.

3º A falta de colaboración de Renfe, Adif, Ideco e funcionarios da DGF do Ministerio de Fomento, ao negarse a contestar preguntas relacionadas coa investigación, desmentindo pola vía dos feitos a suposta colaboración das autoridades e organismos implicados na xestión ferroviaria do Estado.

4ª Incumprimento da Directiva Europea de Seguridade Ferroviaria (artículos 21 e 19) no que se refire á requirida independencia que deben ter as comisións de investigación de accidentes ferroviarios graves nos Estados membros, a CIAF no caso español.

Con estes argumentos e tendo en conta a gravidade do accidente, o informe da Comisión Europea conclúe que a investigación do accidente do Alvia que custou a vida a 80 persoas e causou numerosos feridos non reuniu a independencia que se establece na Directiva de Seguridade Ferroviaria e, por tanto, debería ser reaberta, e desta vez si, cunha comisión de investigación de independencia.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG