A xerente da EOXI de Santiago ten que dimitir por amañar a convocatoria dunha praza de xefatura de servizo

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado denuncia que é unha práctica habitual para colocar afíns do PP en postos de dirección, e non un mero erro administrativo como se alega

O BNG levou á Comisión de Sanidade as irregularidades na convocatoria para cubrir a praza de xefatura de servizo de cardioloxía da EOXI de Santiago de Compostela, despois de que as bases publicadas para esta adxudicación incluísen o nome dun aspirante ao posto e mesmo recollese parágrafos enteiros redactados en primeira persoa cos méritos dun candidato concreto.

Para a portavoz de sanidade, Montse Prado, estamos ante un caso de extrema gravidade que reflexa a práctica habitual de colocar a persoas afíns ao PP en postos de responsabilidade para facilitar a aplicación dunha política sanitaria de recortes e privatizacións, e pide ao PP que rectifique esta práctica empezando polo cese da xerente da EOXI de Santiago, Eloína Núñez.

“Por moi curmá que sexa do presidente da Xunta é a responsable deste escándalo que pretenden encubrir dicindo que foi un simple erro administrativo, a explicación é insuficiente e se hai un erro o que tiñan que facer era corrixilo no primeiro momento pero tiraron para adiante porque pensan que a impunidade coa que actúan lles permite tapalo todo, pero non se pode tapar a lúa co dedo, este é un escándalo máis pero no que se chega a poñer directamente o nome da persoa que querían na convocatoria”, denunciaba Prado na súa intervención na comisión parlamentaria.

A deputada nacionalista pediu unha rectificación “porque non se pode actuar con esa impunidade, non se trata dun erro administrativo e agardo que rectifiquen esta práctica de facer convocatorias para cubrir prazas públicas coa decisión previamente tomada”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG