parlamento galego

O BNG pide a dimisión da conselleira do Mar por propoñer “eliminar mariñeiros” como solución ao recorte das cotas da UE

Rosana Pérez
Rosana Pérez

O BNG denuncia a incapacidade de Rosa Quintana para defender o sector que leva anos sufrindo a redución sistemática da súa capacidade para pescar

A formación nacionalista advirte que se a este recorte se suma finalmente un Brexit duro, os gobernos galego e español terán que pensar moi seriamente que vai pasar coa flota galega

O BNG cualifica de “desastroso” o acordo alcanzado pola Comisión Europea en relación ás cotas de pesca e critica a “satisfacción” do ministro español do ramo ante unha redución  “letal” para o sector pesqueiro galego.

Neste sentido, a formación nacionalista considera “intolerables” as declaracións da conselleira do Mar que apunta como solución a redución da cotar, “eliminar mariñeiros”, polo que pide a súa dimisión.

A portavoz de Pesca, Rosana Pérez denuncia a “incapacidade” de Rosa Quintana para defender un sector que leva anos sufrindo a redución sistemática da súa capacidade para pescar e anuncia que o BNG pedirá a comparecencia da titular do Mar para explicar os termos do acordo  e o papel do goberno galego nas negociacións das cotas.

A diminución de capturas prodúcese cando as cotas xa foran recortadas en anos anteriores e a negociación evidencia para a formación nacionalista o “escaso peso político” de Galiza no Estado e na UE á hora de reclamar melloras para o sector pesqueiro.

“Entendemos que a Unión Europea  non tivo en conta o criterio social que debería primar a día de hoxe por estar en plena pandemia e as consecuencias para o sector pesqueiro son negativas dende hai meses e porque continuamos á espera do que suceda co Brexit”, reprocha a portavoz de Pesca, Rosana Pérez. Segundo salienta, se ao recorte das cotas temos que sumarlle un acordo “abrupto” e “duro” do Brexit será o momento no que o Goberno galego e o español “terán que pensar moi seriamente que vai pasar coa flota galega”.

Un recorte dun 5% na pescada, 20% para o linguado, 20% para o dourada, 7% para a meiga e un 20% para o abadexo, deixan na súa opinión á flota galega en moi mal lugar para ter expectativas de manter a súa normal actividade no ano 2021. O punto de inflexión é a cota do rape cun 13% menos de cota o que implica que os arrastreiros galegos poderán pescar moi pouco tempo no ano 2021. Recortes que, segundo Rosana Pérez, “ non se corresponden cos informes das especies que salientan o seu bo  estado biolóxico”.

O BNG recalca que, polo tanto,  o acordo resulta “desastroso” para a flota galega, unha das máis importantes do Estado español.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG