O BNG pide a comparecencia urxente de Feixóo en relación á situación crítica d'As Pontes

Ana Pontón
Ana Pontón
Pontón acusa ao Goberno galego de ignorar o problema durante anos e dirixir o seu dedo acusador  a outras administracións
O BNG pide a comparecencia urxente de Feixóo en relación á situación crítica d'As Pontes
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reclamou a inmediata comparecencia do Presidente da Xunta, no primeiro pleno do Parlamento galego, para explicar a crítica situación da central de Endesa nas Pontes tralo anuncio do peche da empresa.

“Feixóo debe comparecer e explicar como vai garantir o futuro de ENDESA nas Pontes e os problemas derivados dunha grave  crise industrial na que esta empresa é só a punta do iceberg”.

Pontón advertiu  que o cerre da central pon en risco o futuro do concello e da comarca e despois de trasladar a solidariedade do BNG a todos os traballadores e traballadoras afirmou que é necesario abordar de “maneira rigorosa a transición ecolóxica e  a descarbonización” pero sobre todo, “como e cando” debe producirse  o proceso sen esquecer que o máis importante é ofrecer unha alternativa antes da paralización da central.

A nacionalista recalcou que a prioridade é “a produción e o emprego” e logo o proceso de peche. Estamos ante unha “grave crise industrial” que comezou en Ferrol coa reconversión naval civil na que comprobamos os “plans pantasmas” que deixaron “unha comarca deprimida”, lembrou.

Pontón insistiu en que ENDESA explotou os recursos mineiros galegos e mantén numerosas concesións eólicos polas que recibe cuantiosos beneficios e o que non pode facer o Goberno galego, recalcou  “é permanecer impasible” e deixar que a empresa marche sen ningún tipo de compromiso.

A actual crise industrial non só afecta a ENDESA e as electrointesivas, tamén afecta ao sector téxtil, o naval ou automoción ao que hai que sumar o peche da empresa ISOWAT na Coruña con máis de cen traballadores e punteira no sector das renovables. Unha empresa na  que  tras finalizar o Erte, “a Xunta foi incapaz de atopar un comprador”.

Feixóo, manifestou Pontón “non pode seguir dirixindo o seu dedo acusador a outras administracións” e lembrou que o propio Presidente da Xunta no recente Debate do Estado da Nación afirmou que unha “central como a das Pontes non se pecharía en Euskadi”, En opinión da portavoz do BNG, Feixóo con esta afirmación está recoñecendo a súa “propia irrelevancia política” e a “maior declaración de incompetencia”.

O 10N OPORTUNIDADE PARA CONTAR CUNHA VOZ PROPIA EN MADRID DA MAN DO BNG

Por outra banda, criticou a falta de solucións para as crisis industriais galegas que chegan do goberno en funcións e do resto dos goberno do bipartidismo que foron “parte do problema e non da solución”. Neste sentido, mostrou o seu convencemento cara o vindeiro 10N no que os galegos e galegas darán “un xiro de timón” e aproveitarán a oportunidade para colocar a Galiza no mapa e cunha voz propia. A política que se fai dende Madrid, afirmou a nacionalista,  é “un circo e as forzas estatais pensan que o mundo xira en torno a Madrid”. Os galegos e galegas saben que a forza política que pode facer posible a defensa dos seus intereses “sen subordinacións” é o “Bloque Nacionalista Galego”.

A preguntas dos xornalistas, a portavoz nacional do BNG reiterou que precisamos “máis Galiza e menos Madrid” e que o BNG encara o vindeiro proceso electoral coa confianza de que Galiza conte  cunha voz propia que defenda un novo modelo de financiamento para atender as necesidades na sanidade, dependencia e educación, crear emprego, acabar coa estafa das peaxes e conseguir a transferencia da AP-9 así como defender un novo modelo económico con máis oportunidades. “Somos optimistas e sabemos que moitos galegos e galegas tomaron boa nota do desprezo a Galiza das forzas estatais. Os galegos e galegas  saben que o BNG é o software para cambiar as cousas e a garantía de que  Galiza se faga valer ante Madrid”.

O BNG pide a comparecencia urxente de Feixóo en relación á situación crítica d'As Pontes