PARLAMENTO GALEGO

O BNG pide a comparecencia urxente da conselleira de Educación para explicar as medidas contra o COVID19

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
O portavoz de educación do BNG, Manu Lourenzo demanda un protocolo consensuado coa comunidade educativa, contratar máis profesorado e garantir a seguridade nos centros escolares

Asegura que as familias non poden ser obrigadas a elixir entre o dereito á saúde e o dereito a educación e pide a Feixóo que abandone a política de “custe cero”

O BNG pide a comparecencia urxente da conselleira de Educación para explicar as medidas contra o COVID19

 

O BNG insta á conselleira de Educación a explicar as medidas previstas polo goberno ante o inicio dun curso escolar marcado polas consecuencias da COVID19. Nesta liña, o portavoz de educación do grupo parlamentario nacionalista, Manu Lourenzo  anunciou a solicitude do BNG para que  titular de educación compareza  no Parlamento galego, de maneira urxente, para dar resposta ás demandas dos representantes do profesorado, ás familias e o propio estudantado.

A día de hoxe, dixo, carecemos de “certezas e medidas” que garantan a seguridade no inicio do curso escolar e a situación derivada polo incremento de casos da COVID fai necesario que a consellería de Educación escoite á comunidade educativa. Lourenzo criticou  o “desleixo” do goberno galego na loitar contra a pandemia e pediu que tome decisións ante o incremento dos contaxios.

Na comparecencia ante os medios de comunicación, Lourenzo explicou  que a Xunta non anunciou “ningunha partida de novo investimento nin medida para  fortalecer á comunidade educativa”. Lonxe de actuar como goberno, estamos ante “un sainete intolerable” cun “presidente desaparecido, unha conselleira incapaz de escoitar á comunidade educativa para consensuar un protocolo e un conselleiro de Sanidade que renuncia as súas competencias”. O goberno galego, recalcou o nacionalista, debe actuar e deixar de “botar balóns fóra responsabilizando a outras administracións”. Para o deputado do BNG, estamos ante un escenario que exixe “a máxima responsabilidade e contundencia”.

As familias non poden ser obrigadas a escoller entre o dereito á saúde e o dereito á educación

O sistema educativo galego, explicou o deputado nacionalista precisa dun “goberno responsable” que priorice  “un protocolo consensuado coa comunidade educativa” para garantir seguridade ao  o estudantado. Isto non será posible, advertiu coa política de “custe cero de Feixóo” polo que volveu a reclamar a contratación de máis persoal e atender as demandas sobre transporte e conciliación. “As familias galegas non poden ser obrigadas a escoller entre o dereito á saúde e o dereito á educación”.

Son momentos de estar á altura, reafirmou Lourenzo e “Feixóo, o conselleiro de sanidade e a conselleira de Educación deben asumir as súas responsabilidades”. O problema non se resolve coa entrega de tres ordenadores por aula nin abrumando con burocracia ao colectivo educativo, a situación resolvese “con máis investimento, un protocolo claro, e un goberno que aposte pola sanidade pública e a educación pública”.

A vindeira semana , a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e o portavoz de educación, Manu Lourenzo manterán unha xuntanza con representantes do profesorado,  familias e colectivos de estudantes para abordar un protocolo que garanta as funcións do sistema educativo con seguridade.

 

O BNG pide a comparecencia urxente da conselleira de Educación para explicar as medidas contra o COVID19