O BNG pide a comparecencia de Gallardón pola reforma do aborto

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou esta mañá a comparecencia do Ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, na Comisión de Igualdade para que dea conta das afirmacións realizada a un diario sobre os supostos para poder interrumpir o embarazo.

Gallardón afirmou que a malformación do feto non xustifica poder abortar, e que procederá a revisar o suposto de anomalías fetais.

Voltarán a criminalizar ás mulleres

A deputada do BNG quer que o Ministro acuda ao Parlamento a dar explicacións e a aclarar “dunha vez en que vai consistir a tan anunciada reforma da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva que vai facer en outono”. Davila reprochou ao Ministro “esta entrega por capítulos do que vai facer cunha lei consensuada, necesaria e que da garantías xurídicas e sanitarias ás mulleres”.

A parlamentar nacionalista acusou ao PP de facer o posíbel por voltar aos tempos “de criminalización das mulleres e tratalas como delincuentes e negarlles o dereito a decidir”.

Para Davila “tanto Gallardón como o Goberno de Rajoy nos queren levar a un tempo de involución propio do pasado, involución social, económica e ideolóxica que non é de estranar que a nivel internacional levante as sospeitas de todo o mundo. Un Goberno do que non se fía ninguén”.

“A cruzada ideolóxica de Gallardón é vergoñenta, propia dunha dereita ultra católica desnortada e aferrada a outros tempos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG