O BNG pide carga de traballo para Ferrol e o compromiso “real” do PP e PSOE para a construción naval

Manifestación naval
Manifestación naval
Xosé Luís Rivas denunciou o “pim-pam-pum” entre PP e PSOE e falta de responsabilidade política da Xunta e Goberno central para unha solución ante a falta de traballo nos estaleiros de Ferrol.
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas, xunto ao portavoz municipal, Iván Rivas e diversos cargos institucionais no concello de Ferrol e Deputación da Coruña, participou hoxe na manifestación convocada polo comité de empresa de Navantia para reclamar carga de traballo nos estaleiros de Ferrol e comarca.

O nacionalista criticou “o pim-pam-pum” entre PP e PSOE e acusou a ambas forzas políticas de “falta de compromiso” cos traballadores e traballadoras de Navantia e das empresas auxiliares do sector. O deputado urxiu a unha solución ante a falta de carga de traballo de Navantia e reclamou, sen dilación, “o arranque do programa das Fragatas 110”, así como melloras de infraestruturas e comunicación.

Rivas anunciou que o BNG reclamará no Congreso dos deputados a “construción naval civil” e proporá para Ferrol “un centro tecnolóxico do naval que aproveite a vinculación entre empresas e universidade apostando pola innovación e a investigación”.

Construír barcos, dixo, “ é moito máis que cortar chapa” e hai que reactivar a capacidade dos estaleiros da ría de Ferrol para xerar emprego na comarca. Non podemos conformarmos, recalcou, cunha previsión dun plan industrial limitado á construción militar e a amortización do 25% dos postos de traballo. Os estaleiros de Ferrol teñen capacidade e potencialidade e precisan de axudas para reactivar a economía da cidade e a súa comarca.

Por outra parte, destacou a importancia da “man de obra cualificada” que neste momento, ante a falta de carga de traballo, explicou, corre o risco de buscar alternativas fóra de Ferrol. “Carga de traballo significa non morrer e significa saír, aínda que sexa lentamente, desta agonía”.

O BNG, remarcou o nacionalista, non comprende o enfrontamento entre o Partido popular e o Partido socialista, na Xunta e no Goberno central, actitude que están a permitir que sexa dilapidada a forza de traballo de primeira calidade. “Capital humano e industrial que non podemos perder. Navantia necesita inversións e programar o seu futuro”.

Despilfarro industrial e humano

Xosé Luís Rivas volveu a reclamar a “modernización das instalacións de Navantia para combinar  a construción de  obra civil e  militar e impedir a fuga de traballadores e traballadoras cualificados”.

O BNG, anunciou o nacionalista, utilizará todos os medios ao seu alcance para impedir que Ferrol e a súa comarca esmorezan. “Non permitiremos o despilfarro da súa capacidade produtiva e do seu capital humano e industrial”, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG