O BNG pide baixar o IVE dos produtos sen gluten para abaratar a cesta da compra das persoas celíacas

daria-nepriakhina-12336-unsplash

Montse Prado denuncia que Feixóo incumpre a promesa electoral de baixar o prezo aos produtos sen gluten que supoñen un gasto adicional de até o 200% a 25.000 persoas afectadas pola intolerancia

O BNG reclamou na Comisión de Sanidade do Parlamento que o presidente da Xunta cumpra a súa promesa electoral de reclamar ao Estado unha redución do IVE nos produtos alimentarios sen gluten, cuxo custe supón ate un 200% de gasto adicional para as persoas celíacas.

“Ante a falta dunha medicación concreta, o único remedio é unha dieta que exclúa totalmente o gluten comprando produtos específicos o que implica un coste adicional en alimentos básicos moi importante, pois teñen un prezo desorbitado”, argumentou a portavoz de Sanidade, Montse Prado, citando a modo de exemplo o pan cun IVE do 4% que sube ao 10% en caso do pan sen gluten.

“Poden gastar ao ano arredor dun 200% máis que unha persoa que segue unha dieta sen preocuparse por este ingrediente, o que supón un mínimo de 1.040€ mais ao ano segundo informa a Federación de asociacións de persoas celíacas do Estado”, recalcou a deputada.

Prado deu datos concretos: Un quilo de  galletas costa un 404% máis; as madalenas, un 406% máis;  un quilo de pan ordinario ten un prezo medio de 2,11€, pero ese mesmo quilo de pan sen gluten incrementa o custe nun 448%. “As diferenzas de prezos son abismais”, recalcou.

Pero a promesa electoral do entón candidato Feixóo de que pediría ao Estado a baixada do IVE en produtos sen gluten, segue sen concretarse en nada ano e medio despois, “e a compra de produtos sen gluten representan unha media de 30€ máis á semana e, moitas veces, nunha mesma unidade familiar conviven varias persoas celíacas”, explica a deputada, quen anuncia novas iniciativas parlamentarias do Bloque.

A intolerancia das persoas celíacas provoca graves consecuencias na súa saúde e un deterioro da súa calidade de vida, ademais de estar vinculada a outras doenzas, e afecta ao 1% da poboación, sobre todo as mulleres. A cifra de afectadas en Galiza está sobre 25.000 persoas, aínda que se estima que o 80% que soportan esta intolerancia están sen diagnosticar.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG