BNG pide axudas para profesionais e empresas de servizos deportivos con perdas por COVID, sexa cal sexa o seu volume

Daniel Castro
Daniel Castro

Daniel Castro advirte que as subvencións da Xunta exclúen á maioría ao ter que acreditar unha porcentaxe sobre facturación demasiado elevada

O deputado nacionalista tamén reclama ao Goberno galego que desenvolva un protocolo FISIOCOVID para instalacións deportivas 

BNG vén de rexistrar un paquete de iniciativas no Parlamento galego para reclamar á Xunta “axudas directas e específicas” para autónomxs, empresas e entidades dedicadas aos servizos deportivos e á xestión de instalacións que, a consecuencia da pandemia, “tivesen perdas, independentemente da porcentaxe das mesmas”.

O deputado Daniel Castro advirte neste sentido que as axudas articuladas polo Goberno galego “non chegaron, nin na cantidade, nin na forma que a totalidade do sector reclama”, xa que ademais de “insuficientes e pouco amplas”, resultan “prohibitivas” ao deixar fóra das mesmas “á inmensa maioría dos e das traballadoras dos servizos deportivos” por ter que acreditar unha porcentaxe de perdas na facturación “demasiado elevada”.

“Demandamos máis axudas para o sector, unhas axudas que teñen que ser directas e específicas e, sobre todo, que non deixen a ninguén fóra pola porcentaxe de perdas que tivesen no ano anterior”, recalca, logo de lembrar que detrás de cada disciplina deportiva hai moitas e moitos profesionais cuxo emprego tamén hai que protexer.

Neste sentido, Castro recorda que instalacións e negocios dedicados aos servizos deportivos tiveron que pechar durante meses polas restricións ás que obrigou o coronavirus, un feito que -segundo subliña- o sector aceptou con absoluta responsabilidade para, posteriormente, adaptar ademais os seus centros de traballo ás normativas vixentes.

Precisamente ante a falta de concreción normativa específica para o sector, o deputado nacionalista reclama tamén ao Executivo do PP un protocolo FISIOCOVID para instalacións deportivas, dado que “as normativas deberían ser máis precisas” e estar fornecidas pola propia Xunta.

Con esta proposta, Castro pon o foco sobre un tecido que leva moitos meses sufrindo o impacto da pandemia e para o que a axuda do Goberno galego está resultando insuficiente. “É necesario que a Xunta se tome en serio o deporte e protexa a un sector non só importante para a nosa economía, senón para a nosa saúde, física e mental”, conclúe.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG