BNG pide ao Sergas que reforce o servizo de ambulancias na vez de acudir a empresas sen licitacións e sen medios adecuados

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado denuncia que se están a empregar vehículos que non reúnen as condicións técnicas, logo do falecemento dunha persoa en Vigo

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, reclamou á Xunta no pleno do Parlamento galego que afronte o reforzo necesario para que o 061 dispoña da rede propia de ambulancias, adaptada para poder prestar asistencia sanitaria en ruta e cunha dotación de dous profesionais co título de técnica “como establece a normativa”, na vez de prestar servizo “en precario, botando man de empresas sen realizar licitacións, sen as condicións precisas e que non están preparadas para prestar asistencia sanitaria en ruta”.

“Estanse a prestar servizo con ambulancias que non están preparadas para a asistencia sanitaria en ruta”, advertiu Prado nunha pregunta parlamentaria, logo de incidir sobre a situación concreta do servizo na Área Sanitaria de Vigo, “permanentemente colapsado” dado que as seis ambulancias de soporte vital básico de día, 3 de noite e 2 de soporte vital avanzado son, segundo recalcou, “totalmente insuficientes para atender unha área sanitaria tan ampla e con tanta poboación”.

Neste sentido, a portavoz de Sanidade referiuse ao recente falecemento dun veciño de Vigo cando era trasladado dende o seu domicilio ata o Hospital Álvaro Cunqueiro “nunha ambulancia que non estaba adaptada para poder prestar asistencia sanitaria, ademais de contar unicamente cun condutor”. Segundo explicou, o doente quedou inconsciente e “por non contar coas mínimas condicións para atender unha urxencia, por non contar co material preciso e pola falta de persoal técnico de emerxencias cualificado que supervisase o paciente na cabina non se lle prestou asistencia, non se lle fixo ningunha manobra de soporte vital que recomendan todas as sociedades científicas de carácter internacional”.

Logo de urxir á Xunta a tomar medidas “para que non volva ocorrer” e a pedir responsabilidades por unha morte que cualificou de “totalmente evitable”, Prado reprobou que a falta de recursos e a política sanitaria do PP “pon en risco a saúde” das persoas, tal e como evidencia este desgraciado caso. “Non estamos a falar dunha cuestión puntual, senón dunha práctica constante que non ten ningunha xustificación”, recalcou logo de denunciar que un de cada tres servizos de carácter urxente que se prestan en ambulancia na Área Sanitaria de Vigo “realízase con este tipo de ambulancias en precario, que non cumpren coas condicións técnicas”.

“Non estamos pedindo responsabilidades ao persoal do 061, ao que vostedes non lles poñen a disposición ambulancias en condicións, estamos pedíndolle responsabilidades a vostede e pedímoslle que cese nesa práctica de contratar ambulancias que non pasaron por ningún concurso e que non cumpren a lexislación para o transporte sanitario urxente como era este caso”, aclarou ao conselleiro de Sanidade, ao que acusou de “faltar á verdade” cando di que si o fan. “Dende o BNG non imos aceptar como normal o que non é nin normal nin aceptábel e non imos aceptar que teña que morrer unha persoa por falta de recursos”, alertou, despois de reprochar ao conselleiro que na súa resposta “falase dun desfibrilador e eu pregúntolle quen usa o desfibrilador se non vai ninguén co paciente na cabina”. “Non aceptamos a morte dunha persoa que con recursos adecuados tiña unha oportunidade que vostedes non lle deron”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG