O BNG pide ao PSOE que apoie a Comision investigacion do accidente de Angrois tras xiro xudicial

ANAPONTON XUNTAPORTAVOCES 14.03.17 BIS
  • Pontón: “PP e PSOE deben pedir perdón ás vítimas e levantar o veto á comisión parlamentaria”
  • O Bloque leva á Cámara as declaracións machistas do alcalde de Noia para coñecer a valoración do “feminista” Feijóo

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG vai iniciar contactos co grupo parlamentario do PSdeG de cara  crear unha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia, -tendo en conta que é posible se a solicitude se asina por tres grupos da Cámara-, despois do xiro xudicial que imputa ao ex xefe de seguridade de ADIF no sinistro de Angrois.

“PP e PSOE deben pedir perdón ás vítimas e aos familiares polo sufrimento extra destes tres anos e deben levantar o veto á creación de comisións de investigación no Parlamento galego e no Congreso”, salientou Pontón despois da Xunta de portavoces, tras explicar que o PP xa se apurou a vetar a solicitude de comparecencia do Goberno galego para analizar a seguridade no transporte ferroviario en Galiza.

A dirixente do Bloque considera que o xiro xudicial no caso Angrois confirma que houbo fallos na seguridade pola neglixencia de altos cargos de ADIF nomeados directamente polos sucesivos ministr@s de Fomento e, polo tanto, hai responsabilidades políticas.

“Non se analizou o risco no tren que inaugurou José Blanco e Núñez Feijóo nun acto de autobombo no que escoitamos dicir que a inauguración do AVE era a guinda do pastel dunha realidade incontestábel”, mentres que Ana Pastor, “autorizou a desconexión do sistema de seguridade que tería evitado o accidente”. “Nin Blanco, nin Pastor, ni Feijóo realizaron nin mandaron analizar os riscos no Alvia”, concluíu.

Pontón lembrou o traballo do BNG ao lado das vítimas sendo a única forza que pediu no Congreso a comparecencia do ex responsable de seguridade de ADIF, “que o PP vetou a modo de muro de contención” e evitar datos fidedignos sobre as condicións da chegada da alta velocidade a Galiza. E tamén o papel clave para acadar o contundente informe da UE denunciando a falta de independencia da investigación.

ANAPONTON XUNTAPORTAVOCES 14.03.17Espolio eléctrico

O BNG levará á sesión de control o espolio enerxético de Galiza nunha pregunta a Feijóo para que aclare se vai seguir do lado das eléctricas, “que obteñen beneficios millonarios dun recurso natural” mentres “asistimos ao disparate de que Galiza é a terceira comunidade do Estado con máis pobreza enerxética, -650.000 familias-,  nun país que exporta o 40% da electricidade que produce”, explicou Pontón.

Precisamos un sistema eléctrico alternativo que, entre outras cuestións, inclúa unha tarifa eléctrica galega que permita a empresas e familias beneficiarse dos recursos enerxéticos do país, “o noso petróleo”, indicou a dirixente nacionalista.

Misoxinia en chistes noxentos

No próximo pleno o Bloque tamén incluíu unha pregunta ao Goberno para que explique a súa posición ante as declaracións machistas do alcalde de Noia nun acto oficial do concello con motivo da celebración do 8M. “Misoxinia disfrazada de humor, chistes noxentos que fomentan a desigualdade e son unha ofensa para todas as mulleres”, criticou a portavoz parlamentaria.

Mentres,  “o feminista Feijóo leva unha semana de cinismo cómplice” sen esixir a dimisión de quen quedou descualificado para estar ao fronte dunha institución, salientou Pontón, tras chamar a atención sobre a dobre vara de medir do PP, “que pide dimisións en casos similares con cargos públicos doutras organizacións e mira para outro lado cando militan nas súas propias filas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG