parlamento galego

BNG pide ao goberno medidas urxentes para rescatar os sectores culturais galegos

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas afirma que o Plan de Reactivación do sector cultural do 2020 resultou insuficiente e fortemente cuestionado polo propio sector

Reclama medidas urxentes destinadas a manter as estruturas das empresas culturais existentes

A través dunha pregunta urxente ao goberno, a portavoz de cultura do BNG, Mercedes Queixas, reclama un plan de rescate para salvar os sectores culturais galegos.

A deputada afirma que o plan de reactivación do 2020 resultou “insuficiente” e fortemente cuestionado polo propio sector que continúa agardando por medidas para paliar o grave impacto económico derivado da inactividade laboral á que foi obrigado desde o comezo do confinamento.

No sector cultural, explica a parlamentaria do BNG, o emprego experimentou un aumento do 5,4% até chegar a un total de 35.000 profesionais na actualidade cunha achega do 2,5% ao PIB do territorio. Ao seu xuízo, urxe poñer en marcha axudas directas e específicas con subvencións e liñas de acceso a crédito, adecuadas á diversa tipoloxía que caracteriza o sector, contemplando a súa condición laboral, nalgúns casos, intermitente e na súa maioría autónomas, micro PEMES e cooperativas sociais.

A parlamentaria do BNG reclama activar, neste ano 2021, un plan de axudas directas á creación, “para manter as estruturas das empresas culturais existentes”, así como reforzar o proceso creativo dos autores e autoras galegas como primeiro chanzo par a activación da cadea da industria cultural.

Queixas defende impulsar, á maior brevidade posíbel, as leis anunciadas na Estratexia da cultura galega 2021: Lei de Mecenado, Lei de Artes Escénicas, Lei do Audiovisual, actualizar a Lei do Libro e da Lectura e reactivar as unidades de produción industrial:Centro Dramático Galego e Centro Coreográfico Galego.

“A cultura é un ben de primeira necesidade, un ben esencial para o conxunto da sociedade que merece especial protección das administracións públicas” ao igual que outros sectores.

Por outra parte, a nacionalista considera que é preciso reformular o proxecto do Xacobeo 2021 para que sirva de “impulso e estímulo da produción cultural propia galega e se achegue ao longo de todo o ano á totalidade da sociedade galega”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG