O BNG pide ao goberno que interveña para manter os postos de traballo de ISOWAT

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas alertou da ameza peche da empresa sobre un cadro de persoal de 85 traballadores e dunha actividade cualificada e de calidade

A deputada do BNG, Noa Presas pediu hoxe ao Goberno galego que se “implique” na situación da empresa Isowat, con sede na Coruña, sobre a que pesa a  ameaza de peche.

A deputada explicou que  están en perigo 85 postos de traballo “cualificado e de calidade” e na actualidade a  empresa,  do grupo Invertaresa, atópase en concurso de acredores.

Presas lembrou que no ano 2007, a empresa contaba con 200 traballadores e en pouco máis de dez anos minguou á metade, mais non por “non ser rendíbel” senón pola estratexia seguida, a todas luces errada, do grupo Invertaresa e as “súas prácticas de saqueo”.

Ademais,  “Invertaresa recibiu axudas do IGAPE para mercar Isowat” e todo indica que usou a capitalización de Isowat para “outros negocios e aventuras empresarias”. Na adquisición de Isowat, asegurou Presas, pesou a intención de pegar “un pelotazo” no solar onde se sitúa a fábrica, condicionado a unha recualificación urbanística.

A día de hoxe, entre outras cargas, sobre a fábrica recae unha hipoteca de Abanca que terían que asumir os novos compradores, se ben a  Abanca se está a mostrar  flexíbel á hora de negociar posíbeis solucións coa  transformación da hipoteca nun contrato de aluguer.

Isowat, especializada no deseño, fabricación e solucións integradas en media e baixa tensión, é unha empresa con longa tradición na Coruña (antiga Isolux Galiza), unha empresa avanzada, con produtos de alto valor engadido e unha importante carteira de clientes como Navantia, Endesa, Naturgy, ou Repsol.

“Isowat é viábel economicamente” recalcou a parlamentaria polo que volveu a reclamar que o Goberno galego interveña para garantir o seu futuro, sobre todo, dixo porque existe o risco de que posibles compradores pretendan adueñarse das patentes.

A deputada preguntou que actuacións levou ou pensa levar a cabo o Goberno galego para favorecer a actividade e postos de traballo da empresa Isowat así como a súa valoración do sector industrial na cidade e comarca da Coruña.

Trala resposta do director Xeral do Igape,  a deputada do BNG replicou que, unha vez máis, “a Xunta fáltalle valentía e responsabilidade” e volveu a reclamar a implicación do Goberno galego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG